- A Ministra do Ambiente e da Enerxía recoñeceu que Portugal non foi consultado polas autoridades españolas a pesar de que a mina está a tan só 2 km da fronteira e ameaza o Parque Natural de Montesinho.
- A polémica mina de volframio que promove a empresa sueca Eurobattery Minerals na Gudiña (Ourense) chegou ao parlamento portugués, no que 11 deputadas e deputados da oposición cuestionaron ao goberno reclamando a súa intervención.
- Do lado galego, incoáronse dilixencias xudiciais por presuntos delitos de prevaricación e contra o ambiente en relación ao director xeral de planificación enerxética e minas e o administrador da empresa.
A polémica mina de volframio con permisos caducados na que comezou a operar nos últimos meses a empresa sueca Eurobattery Minerals desatou unha tormenta diplomática entre Portugal e o Estado español, logo de que transcendese que a concesión mineira “San Juan”, na Gudiña (Ourense), fose outorgada sen a preceptiva avaliación de impactos transfronteirizas.
Logo de que o asunto chegase á Asemblea da República da man de 11 deputadas e deputados do Partido Socialista, que pediran explicacións ao goberno pola posta en funcionamento da mina, o gabinete da Ministra do Ambiente e da Enerxía, Maria da Graça Carvalho, recoñeceu que as autoridades españolas en ningún momento notificaron ás portugueses e explicou que a Agencia Portuguesa do Ambiente (APA) xa enviou carta a Madrid pedindo explicacións.
Tanto Ecoloxistas en Acción como o Movimento Uivo, que ven denunciado este proxecto ante as autoridades lusas, veñen advertindo que a abertura da mina tería impactos severos sobre o río Rabaçal, ao que ten previsto verter augas con altas concentracións de metais pesados sen ningún tipo de tratamento. A mina está inmediatamente augas arriba da fronteira e do Parque Natural de Montesinho, dos que o separan tan só 2 km. O Parque de Montesinho é un espazo da Rede Natura 2000 integrado ademais na Reserva da Biosfera Transfronteiriza da Meseta Ibérica. Tamén está a tan só 1 km da ZEC Pena Maseira, tamén en Rede Natura, sendo obvio que a actividade afectará a ambos os dous espazos.
Incoadas dilixencias penais por prevaricación
Mentres tanto, do lado galego avanza o procedemento penal incoado en relación á actuación de Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria e Roberto García Martínez administrador de Eurobattery Minerals e a súa filial ourensá Tungsten San Juan S.L. Ecoloxistas en Acción denunciounos por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente logo de que se anunciase unha prórroga ilegal de 30 anos. Pola súa parte, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, María José Echevarría Moreno, dirixiuse á organización ecoloxista para explicar que a Consellería de Economía e Industria non volveu a dirixirse ao órgano ambiental sobre esta mina desde 2014, confirmando que a prórroga foi concedida ilegalmente.
Pesaban sobre o proxecto mineiro dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo establecendo que calquera prórroga tiña que ser sometida a unha nova avaliación de impacto ambiental. Ademais, estando a mina proposta a tan só 2 km da fronteira portuguesa, o proxecto debía terse sometido obrigatoriamente a unha avaliación de impactos transfronteirizos, como agora demandan as autoridades portuguesas.
Falsidades por parte da empresa
O proxecto aprobado pola Xunta en 2015 prevía explotar unhas 50.000 toneladas de material en 5 cortas a ceo aberto durante 10 anos empregando 11 traballadores. Fronte a iso, Eurobattery Minerals ven desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa campaña de propaganda na que promete crear 130 empregos, o cal contradí o proxecto aprobado. Nunha festa organizada pola empresa sueca na Gudiña a comezos de decembro, as cifras de empregos anunciada era 12 veces maior que os contemplados na realidade.
A empresa nominalmente sueca, que iniciou nas últimas semanas grandes movementos de terra, xa se tivera que enfrontar a un procedemento sancionador en 2020 cando tentou abrir unha mina a ceo aberto de níquel entre Santa Comba e Coristanco, realizando sondeos sen ningún tipo de autorización. Agora, ven realizando enormes movementos de terra na mina da Gudiña, a pesar de ter caducado fai anos a declaración de impacto ambiental outorgada en 2014.
Eurobattery pretende presentar o proxecto mineira da Gudiña á convocatoria da Comisión Europea de proxectos estratéxicos europeos que pecha en xaneiro de 2026. Esta manobra podería significar prazos acelerados para conseguir autorizacións e a pasar por riba da lexislación en materia de augas e espazos protexidos. A empresa sueca xa pinchou este ano cando fracasou coa candidatura doutro proxecto mineiro en Finlandia.
Ecoloxistas en Acción e Uivo xa están a traballar con eurodeputadas dos dous países para colocar estes antecedentes en coñecemento das autoridades portuguesas. “Non permitiremos que unha mina totalmente ilegal utilice a artimaña dos proxectos estratéxicos europeos para operar á marxe das obrigas que establece a lexislación europea e convenios internacionais”, remarca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción. Desde Portugal, Sara Riso do Movimento Uivo considera “incomprensíbel que as autoridades españolas nunca informaran ás portuguesas deste proxecto, a pesar de que afectará de xeito obvio ás aldeas portuguesas situadas augas abaixo así como a varios espazos naturais de alto valor”. De feito, proxectos mineiros en trámite por parte de Portugal, como as minas do Barroso e do Romano, situadas a máis de 30 km da fronteira, sí foron sometidos ao trámite de impacto transfronteirizo logo de que as autoridades portuguesas notificaran as españolas.
La entrada O Goberno portugués reclama explicacións ao Estado español pola mina da Gudiña aparece primero en Ecologistas en Acción.