- A concentración convocada pola PFMT Vigo-O Morrazo tivo lugar o venres 12 de decembro ás 20:00 h no Farol de Urzáiz en Vigo.
- Baixo o lema ‘Vigo e O Morrazo para vivir’, a Plataforma reivindica un modelo turístico máis respectuoso ca veciñanza, facendo especial fincapé no Nadal vigués e os seus efectos no Morrazo.
- Denuncian que o sistema actual favorece a especulación da vivenda e a precariedade laboral e reclaman o control dos prezos do alugueiro previsto na lei de vivenda, unha moratoria de licenzas de vivendas e melloras nun sistema transporte sostible.
A Plataforma Fronte á Masificación Turística, integrada por máis de 20 organizacións sociais, ecoloxistas, veciñais e sindicais de Vigo e O Morrazo convocou á poboación a manifestarse por un ‘Vigo e O Morrazo para vivir’. A concentración celebrouse na cidade olívica en pleno corazón do Nadal vigués, no farol de Urzáiz ás 20:00, onde se leu o manifesto coas demandas da Plataforma. Lucía Soliño, da asociación ADEGA e integrante da Plataforma indica que ‘O fenómeno das luces de Nadal en Vigo é un claro exemplo dun modelo de turismo insostible que fomenta a masificación de visitantes e o baleirado dos barrios, relegando á veciñanza a un segundo plano e exiliándoa ás áreas periféricas. Por iso esta concentración, precisamente nesta época e neste lugar ten todo o sentido’.
Luces e sombras do Nadal vigués
Un ano máis, Vigo acende ás luces do Nadal e un ano máis a veciñanza do centro ve alterada a súa vida cotiá: dificultades para acceder ao traballos e vivendas, ruído, lixo acumulado… Entre os veciños e veciñas a preocupación non son só as molestias pola invasión de curiosos e turistas. Preocupa tamén a falta de medidas de seguridade que garantan a mobilidade dos servizos de emerxencias e de persoas vulnerables. Pero non só sofre a veciñanza, o pequeno comercio tamén se ve afectado polas perdas económicas que xera a saturación das rúas por ríos de visitantes que non mercan nos seus negocios e dificultan a chegada da súa clientela habitual.
‘Non estamos en contra do Nadal, nin dos dereitos humanos ao lecer e ao descanso. O que rexeitamos é converter o centro da nosa cidade nun parque temático para o turista”, sinalou Ana Freiría, de Ecoloxistas en Acción, integrante da plataforma. “O modelo insostible que representa a masificación turística, lonxe de contribuír ó benestar social, ten un alto impacto negativo directo na vida das persoas.”
Un modelo especulativo e con alto coste social e ambiental
Os efectos sobre a vivenda do modelo turístico actual é un dos puntos nos que a Plataforma fai fincapé no seu manifesto. Explican que esta fórmula ultraespeculativa da vivenda reduce a oferta de vivenda habitual e impulsa a subida dos prezos. ‘Actualmente, en Vigo e O Morrazo atopámonos nunha situación de emerxencia habitacional -indica Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas Vigo, integrada na plataforma-. Os prezos non deixan de marcar máximos históricos, e apenas hai oferta de aluguer, cuns prezos que en Vigo superan os 700 euros mensuais de medio, e non hai vivenda pública e non a haberá no curto prazo porque a Xunta aposta por construír vivenda en cifras que non cobren nin a metade da demanda de vivenda social. O Concello de Vigo anunciou medidas, pero non as traduce en accións tanxibles e as cifras de investimento de compra de vivenda e construción son insuficientes para a emerxencia habitacional que atravesamos’.
Segundo a Plataforma esta situación vese agravada pola proliferación das máis de 2.120 Vivendas de Uso Turístico rexistradas en Vigo e preto de 1.800 no Morrazo, números ao que habería que engadir as ilegais. ‘As maiores damnificadas son as persoas xoves, estudantes e traballadoras para as cales atopar un lugar digno para vivir é misión imposible’.
Para as persoas representantes das máis de 20 asociacións integrantes desta Plataforma a aposta por un monocultivo do turismo fai á nosa economía dependente e inestable, e causa un grave impacto a nivel social e ambiental, que non se limitan so á pobreza habitacional. É por iso que entre as esixencias recollidas no manifesto que se leu o 10 de decembro están, ademais do control das vivendas de uso turístico, a mellora dos servizos públicos, transporte sostible, medidas para evitar o emprego precario, repercusión das taxas turísticas no territorio, a protección do medio ambiente, así como ‘unha maior participación cidadá nas decisións sobre o modelo turístico que queremos na nosa terra’.
La entrada A Plataforma Fronte á Masificación Turística reclama un modelo turístico máis respectuoso ca veciñanza e unha moratoria de licencias de vivendas de uso turístico aparece primero en Ecologistas en Acción.
