- A asociación veciñal A Unión de Matamá e Ecoloxistas en Acción veñen de presentar, na sede da Xunta en Vigo, arredor de 300 alegacións contra ampliación do PEOSE polígono industrial de Balaídos promovido por ZONA FRANCA.
- A ampliación, como gran parte do polígono industrial existente, invade ás zonas residenciais de varias parroquias viguesas, en especial as de Matamá.
- Segundo os rexistros oficiais, as instalacións deste polígono emiten máis de 2 toneladas anuais de compostos orgánicos volátiles altamente reactivos que desencadean procesos de contaminación fotoquímica, responsables da formación do nocivo ozono troposférico.
- Denuncian que esta ampliación aumentará, sustancialmente, as emisións de partículas e compostos orgánicos volátiles, sen garantías de que os sistemas de mitigación sexan suficientes para a protección da saúde.
Este venres 27 de marzo, a asociación veciñal A Unión de Matamá e Ecoloxistas en Acción presentaron alegacións conxuntas ante a Dirección xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente no trámite de consultas do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEOSE ampliación do polígono industrial de Balaídos, promovido por ZONA FRANCA. Este polígono industrial, onde reside a factoría de Stellantis, e a súa proposta de ampliación, invaden as zonas residenciais de varias parroquias viguesas, afectando sobre todo á veciñanza de Matamá, tanto pola emisións de ruidos como de partículas nocivas ao aire.
Segundo a Lei 34/2007, de 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmósfera, se establece que a localización de instalacións industriais debe minimizar as afeccións. Sendo os límites de contaminantes máis estritos en zonas residenciais e de alto valor ecolóxico. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) sobre a actividade industrial na contorna da planta de Stellantis en Vigo, a instalación emite aproximadamente 2.050.000 kg anuais de compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), en gran parte causadas por procesos industriais baseados en disolventes, como os sistemas de lacado.
Por iso, nas alegacións alertan de que estas sustancias altamente reactivas, en presenza de óxidos de nitróxeno e luz solar, desencadean procesos de contaminación fotoquímica responsables da formación, entre outros, de ozono troposférico. Estes contaminantes secundarios son máis agresivos desde o punto de vista sanitario. O ozono troposférico, un dos principais produtos destas reaccións, está vinculado a afeccións respiratorias, agravamento da asma e aumento do risco cardiovascular. Ademais hai emisión de material particulado PM10 e PM2,5 e de NO2. Cando a Organización Mundial da Saúde advirte de que a exposición continuada a este tipo de contaminantes pode ter efectos significativos sobre a saúde, especialmente en nenos, persoas maiores e poboación con patoloxías previas e, en determinados casos, efectos canceríxeno.
Sinalan que a incidencia de enfermidades respiratorias e de cancro nos barrios próximos ao polígono é moito maior á das zonas máis afastadas. A poboación destes barrios (Roupeiro, Parada, Ribás e Padrón) sofre a afectación directa das emisións sen o control adecuado, mediante os filtros pertinentes. Polo iso, denuncian que esta ampliación da zona industrial aumentará, sustancialmente, as emisións de partículas e compostos orgánicos volátiles, sen garantías de que os sistemas de mitigación sexan suficientes para a protección da saúde.
Consideran que non se avaliou correctamente o impacto acumulativo das instalacións actuais, sumando a ampliación, o que empeorará a calidade do aire, xa afectada na zona. E aseguran que a ampliación contravén o Plan de Mellora de Calidade do Aire (PMCA). Desde a asociación veciñal de Matamá esixen que se pare a ampliación ata que se realice un estudo sobre o efecto da contaminación ambiental na poboación próxima á zona industrial, ligado a calidade do aire, a través da toma de datos de enfermidades relacionadas coa contaminación atmosférica.
Ademais da mala calidade do aire, poboación local leva soportando durante décadas, olores nauseabundos e ruidos que impiden o descanso nocturno. En este sentido, a ampliación do polígono incrementará tamén estas molestias, afectado á calidade de vida e o benestar da veciñanza.
Alegan, tamén, que a zona verde actual alberga especies incluídas no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e no Catálogo Español de Especies Ameazadas. “As obras constiúen un impacto negativo real, a destrución do seu hábitat é ilegal, por non falar do dano de fragmentar dito hábitat, illando as poboacións de fauna. Entre as especies ameazadas que alberga a contorna afectada, atopamos píntega, miñato, gavilán, curuxa, raposa…”, declara a voceira de Ecoloxistas en Acción.
Ademais, rexeitan todo a tramitación porque consideran que debería seguirse o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, xa que o proxecto se sitúa en área urbanizada e implica unha actuación en superficie superior a 5 hectáreas. Aseguran que non se está cumplindo a normativa de “Proxectos sometidos á avaliación ambiental simplificada” regulada no título II, capítulo II, sección 2.ª da Lei 21/2013, para acreditar que un proxecto non é susceptible de causar efectos adversos apreciables sobre estes espazos.
La entrada Veciñanza e ecoloxistas presentan alegacións contra ampliación do polígono industrial de Balaídos en Vigo aparece primero en Ecologistas en Acción.