🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
AnteayerSalida Principal

Ecoloxistas en Acción celebra a súa XXVII Asemblea Confederal en Vigo cunha semana de actividades abertas ao público

3 Diciembre 2025 at 10:20
Por: Galiza
  • A 27ª Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción celébrase este ano en Vigo durante a ponte do 6 ao 8 de decembro. A asemblea, na que participan preto de 200 activistas ecoloxistas de todo o Estado español, está aparellada de diversas actividades abertas ao público.
  • A vixésimo sétima asemblea ecoloxista inaugurarase a mañá do sábado 6 de decembro cunha mesa redonda aberta ao público sobre a necesidade das transformacións ecosociales desde diferentes miradas.
  • O encontro finalizará cunha manifestación que recollerá e expresará as resistencias que o ecoloxismo social está a impulsar en Galicia.

A Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción celébrase por primeira vez en Galicia nas súas máis de 25 anos de existencia. Os grupos de Ecoloxistas en Acción Galiza traballaron para acoller en Vigo o encontro de preto de 200 activistas de todo o Estado. Será do 6 ao 8 de decembro no Centro Social A Nubeira (r/ Pizarro 6, Vigo), un espazo autónomo e asembleario aberto a multitude de loitas ecoloxistas e sociais da cidade. Un espazo idóneo para acoller un encontro que ten como lema e eixo temático “Ecoloxismo social para cambiar o mundo”. Ecoloxistas en Acción quere fortalecer a organización e as accións que impulsan as transformacións ecosociales nun contexto de emerxencia ecolóxica e social.

Este encontro vai aparellado dunha semana de actividades abertas ao público, dende o xoves 4 ao luns 8. Programa:

Xoves 4:

Yayo Herrereo presenta o seu novo libro ás 19h no centro social A Nubeira: Claudia Calvache Barbosa e Cristóbal López Pazo conversarán con Yayo Herrereo sobre o seu último libro Metamorfosis. Una revolución antropológica.

Venres 5:
Paca Blanco presenta o seu libro Paca Blanco, la Brava, acompañada de Yayo Herrero, prologuista desta biografía, e de Ana Freiría, activista de Ecoloxistas en Acción. Será ás 19:00 no centro social A Nubeira (Vigo): Paca Blanco é un referente dentro das loitas que se produciron durante as últimas décadas en defensa do medio ambiente e da dignidade das persoas que, como ela, non tiveron unha vida doada. Este libro é a historia desas persoas, que en colectivo constrúen alternativas a un mundo demasiadas veces gris e inhóspito.

Sábado 6:

Mesa redonda O ecoloxismo social como ferramenta de cambio no centro Social A Nubeira ás 11:30h: A 27º Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción comeza cunha mesa redonda, aberta ao público, sobre como o ecoloxismo social debe operar para ser unha ferramenta de cambio. Presenta e modera Ana Pascual [Ecoloxistas en Acción] e participan Isabel Vilalba [Sindicato Labrego Galego], Gonzalo Pérez [CMVMC Tameiga], Marta Gontá [Por unha Ulloa Viva] e Joám Evans [Vida e ría ou minaría]. Tamén intervirán: Antón Masa [APDR], Patricia Sío [Antilindano O Porriño], Ángel Goberna [AVV. San Miguel de Oia], Alba Rivas [SOS Suído-Seixo] e Juan Medela [Contra a masificación turística Vigo – O Morrazo].

Domingo 7:

Estreo no centro social A Nubeira, ás 16:30h, do documentario “Dende que veu a mina”: Este documentario producido por Ecoloxistas en Acción e realizado por Aqueladas, rescata a memoria dos impactos da minaría en distintos lugares da Galiza: Lousame, Touro, Beariz e Vilardevós. A través dos testemuños de veciñas e veciños, entendemos o que significaba convivir día a día con este tipo de proxectos, como afectaron á contorna natural e á vida cotiá dos seus habitantes.
Concerto “Ataquenosboten” na sala Rebullón (Tameiga) ás 22:30h: Os grupos locais The Foggy Mental Breakdown e Hey Hematoma tocaran no concerto peche da asamblea confederal de Ecoloxistas en Acción.

Luns 8:

Roteiro “Vigo, expresión do activismo” con saída ás 11:30 da Praza da Estación: Percorrido polas rúas de Vigo onde a cotío as viguesas e vigueses expresan as súas loitas para rendir homenaxe ao activismo vigués. O roteiro rematará na Praza do Nadador, na estación marítima, coa lectura dun manifesto pola proteción ambiental do mar.

Ademais destas actividades, dentro do propio desenvolvemento ordinario da asemblea, o sábado pola tarde as áreas confederais de Ecoloxistas en Acción avaliarán o traballo realizado durante o ano e planificarán as campañas e liñas de acción para 2026. O domingo é o día adicado aos debates confederais, desde a aprobación do orzamento para o seguinte ano e a revisión dos principais fitos territoriais ata a presentación da estratexia de comunicación da organización ecoloxista. O punto central da mañá é a revisión dos estatutos para actualizalos e incorporar as cuestións organizativas que se consideran máis importantes. Pola tarde, tamén desenvolveranse talleres impulsados polas áreas e grupos de Ecoloxistas en Acción, e pecharase cunha chamada á acción antinuclear.

La entrada Ecoloxistas en Acción celebra a súa XXVII Asemblea Confederal en Vigo cunha semana de actividades abertas ao público aparece primero en Ecologistas en Acción.

  • No hay más artículos
❌