- A Gardería Fluvial de Augas de Galicia confirma a presenza de neumáticos de gran diámetro no río Brandelos e no rego de Pucheiras, no concello de Touro e de O Pino.
- Un informe oficial vincula os verquidos coa empresa Exploracións Galegas S.L. e Ecoloxistas en Acción e a veciñanza da zona esixe a apertura urxente dun expediente sancionador.
Ecoloxistas en Acción amosa a súa gran preocupación polo estado dos ríos nos concellos de Touro e O Pino, xa que estes días Augas de Galicia abriu dilixencias previas tras unha denuncia que alerta do abandono de rodas de gran diámetro en varios puntos fluviais da comarca.
![]()
Os axentes da Gardería Fluvial realizaron inspeccións sobre o terreo e emitiron un informe oficial. Nel constátase que os neumáticos xigantes están depositados en zonas de varios ríos do entorno da mina de Touro. O documento da administración sinala directamente á empresa Exploracións Galegas S.L., ao indicar que as rodas proceden probablemente desta mercantil por estar situadas nos seus terreos ou en parcelas lindeiras coa súa actividade.
Risco para a natureza e esixencia de multas
Ecoloxistas en Acción advirte que o abandono destes residuos supón un grave impacto ambiental, xa que causa atrancos nas canles de auga, degrada o ecosistema dos ríos e incumpre as leis de augas e residuos. Por mor disto, rexistrouse unha petición formal ante a Augas de Galicia para pedir que se pase de inmediato das investigacións previas á apertura dun expediente sancionador.
As multas por este tipo de danos ás canles públicas poderían cualificarse como graves, alcanzando contías económicas moi elevadas para a empresa responsable de non atender á petición. A administración xa requiriu á empresa a retirada urxente de todas as rodas identificadas e a limpeza integral das súas parcelas lindeiras con ríos. Os colectivos sociais anuncian que vixiarán de preto o cumprimento desta orde para garantir que o contorno natural sexa restaurado canto antes.
La entrada Denuncian o abandono de rodas xigantes en ríos de Touro e O Pino aparece primero en Ecologistas en Acción.