🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
AnteayerSalida Principal

Ecoloxistas en Acción amplía a súa denuncia polo desastre de Monte Neme poñendo o foco no director de obra

6 Febrero 2026 at 10:42
Por: Galiza
  • Demostra que a Xunta tiña coñecemento da existencia da galería pola que se verteron as augas contaminadas e que a falla foi consecuencia das obras.
  • Cuestiona o criterio da licitación da dirección de obra, considerando o longo historial de proxectos salpicados de ilegalidades.

Logo de que o pasado luns Ecoloxistas en Acción presentara nos xulgados de Carballo unha denuncia penal pola falla crítica dunha das balsas mineiras de Monte Neme, situadas entre Malpica e Carballo, a organización ecoloxista ven de ampliar a súa denuncia para incluir entre os presuntos responsábeis o director de obra e coordinador de seguridade, o enxeñeiro de minas José Manuel Corbal Debén.

Corbal foi o adxudicatario da licitación realizada pola Consellaría de Economía e Industria para os lotes 1 e 2 da obra de restauración da mina de Monte Neme, consistentes na dirección das actuacións, que precisamente se iniciaron poucas semanas antes da falla que se produciu na madrugada do pasado sábado.

As chaves do desastre, que provocou que un enorme volumen de augas tóxicas se verteran monte abaixo cara a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo protexido da Rede Natura 2000, foron os movementos de terra realizados nas balsas maiores, deslocando a auga almacenada para a balsa menor, que finalmente rebentou.

Esta balsa contaba cunha galería transversal que xa fora inventariada pola Xunta en 1998 e que, de feito, logo do anterior desastre producido en 2014 cando rebentou a maior das balsas, fora proposta polo Concello de Carballo como galería de drenaxe. Ecoloxistas en Acción denuncia as falsedades da Xunta nos momentos iniciais, cando se informou que a galería era descoñecida e que os movementos de terra non gardaban relación co acontecido.

Un historial de polémicas mineiras

Esta non é a primeira vez que o director agora denunciado está envolto en polémica. En 2009 foi un dos promotores da reapertura das Minas de San Finx, en Lousame, asinando un proxecto do ano anterior que excluía as presas de residuos mineiros e non prevía ningún tipo de tratamento para as augas contaminadas procedentes do interior da mina. A contaminación resultante levou á imposición dunha sanción de 180.000 euros por verteduras ilegais e aínda están abertas dilixencias penais en Noia por presuntos delitos ambientais.

Corbal tamén foi o promotor e director facultativo da Mina de Varilongo, en Santa Comba e Coristanco, e do proxecto “Corcel”, da sueca Eurobattery Minerals, que realizou sondeos ilegais. Como en San Finx, a mina viuse envolta noutro caso de verteduras ilegais e logo dun procedemento sancionador, a Xunta acabou por declarar a caducidade das concesións.

Xa na Gudiña, en Ourense, Corbal é promotor xunto coa mesma empresa sueca doutro proxecto de volframio, sobre o que no mes de decembro un xulgado de Santiago abriu dilixencias penais por presuntos delitos de prevaricación. Este caso tamén abriu un conflito diplomático con Portugal, pois a pesar de que a mina está a tan só 2 km da fronteira, non se realizou o trámite de avaliación transfronteiriza.

Tamén foi asinou o polémico proxecto do vertedoiro de Toysal en Casalonga (Teo), situado sobre unha antiga canteira, e que foi paralizado en 2024 polo Tribunal Superior de Xustiza, logo de recoñecer que a actividades carecía de autorizacións válidas.

 

La entrada Ecoloxistas en Acción amplía a súa denuncia polo desastre de Monte Neme poñendo o foco no director de obra aparece primero en Ecologistas en Acción.

Ecoloxistas en Acción presenta denuncia penal polo vertido tóxico das balsas da mina de Monte Neme

2 Febrero 2026 at 12:12
Por: Galiza

Ecoloxistas en Acción presenta unha denuncia penal contra responsables políticos e técnicos da Xunta de Galicia por delitos contra o medio ambiente en relación coa falla crítica dunha balsa de residuos mineiros da mina de Monte Neme.

Ecoloxistas en Acción presentou este luns, 2 de febreiro, unha denuncia penal nos xulgados de Carballo por presuntos delitos contra o medio ambiente en relación coa falla crítica dunha balsa de residuos mineiros da mina de Monte Neme, ocorrida o pasado 31 de xaneiro. A denuncia diríxese contra responsables políticos e técnicos da Xunta de Galicia, así como contra as empresas integrantes da UTE MONTENEME, encargadas das obras de restauración da explotación mineira. Entre as persoas denunciadas atópanse a conselleira de Economía e Industria, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e un enxeñeiro de minas do departamento territorial da Coruña.

A falla, moi similar á que levou a un desastre ambiental en 2014, produciuse nunha das balsas situadas ao sur da explotación, provocando o vertido incontrolado dun gran volume de augas contaminadas con metais pesados, que descenderon ata o Rego de Tuixe, o Rego dos Riás e finalmente a Praia dos Riás, dentro da ZEPA Costa da Morte, espazo protexido da Rede Natura 2000. O vertido ocasionou danos ambientais visibles ao longo de todo o percorrido e obrigou ao corte dunha estrada local entre Leiloio e Aviño.

A organización ecoloxista desmente as versións oficiais que apuntan a un accidente fortuíto causado polas choivas ou pola existencia dunha galería “descoñecida”. Segundo a documentación achegada, a galería pola que se produciu o baleirado da balsa estaba perfectamente inventariada desde polo menos 1998 en documentos oficiais da propia Administración autonómica.

Ecoloxistas en Acción considera que a falla está directamente relacionada cos traballos de restauración impulsados pola Xunta de Galicia, iniciados en decembro de 2025, durante os cales se realizaron importantes movementos de terras que provocaron o desprazamento das augas contaminadas cara a unha balsa que non reunía condicións de estabilidade suficientes. Parte destas augas deberían terse sometido a un proceso de tratamento, que supón máis da metade do orzamento do proxecto, financiado con fondos europeos Next Generation.

A denuncia subliña tamén a contradición entre as análises oficiais actuais, que descartan contaminación poucas horas despois do vertido, e as realizadas tras a falla de 2014, cando Augas de Galicia confirmou a toxicidade das augas e lodos vertidos desde a mesma mina. Aquela rotura, ocorrida hai doce anos, verteu máis de 24.000 metros cúbicos de augas contaminadas, causando danos por centos de miles de euros e afectando gravemente ás parroquias de Aviño e Razo da Costa.

Para Ecoloxistas en Acción, o sucedido o 31 de xaneiro non é un feito illado, senón a consecuencia de décadas de abandono, falta de control e actuacións administrativas irregulares, a pesar de que a perigosidade das balsas de Monte Neme está documentada en múltiples inventarios oficiais desde finais dos anos noventa.

A organización solicita ao xulgado a apertura de dilixencias previas, a toma de mostras e análises independentes das augas e sedimentos, así como o requirimento de toda a documentación administrativa e técnica relacionada coa mina, coas obras de restauración e coas autorizacións de vertido.

Ecoloxistas en Acción anuncia ademais a súa intención de personarse como acusación popular no procedemento penal e reclama responsabilidades políticas e penais para evitar que episodios de contaminación grave en espazos protexidos volvan repetirse con total impunidade.

 

 

La entrada Ecoloxistas en Acción presenta denuncia penal polo vertido tóxico das balsas da mina de Monte Neme aparece primero en Ecologistas en Acción.

Alertan que a Ría de Ferrol atéigase de vertidos de toalliñas húmidas

26 Enero 2026 at 14:18
Por: Galiza

A xente mariñeira de Ferrolterra alertan que a Ría de Ferrol atéigase entre vertidos e toalliñas húmidas.

A Ría de Ferrol sufre unha contaminación inaceptable malia os millóns investidos no seu saneamento. Décadas de vertidos urbanos e industriais degradaron os ecosistemas mariños, pecharon bancos marisqueiros e castigaron o sector pesqueiro artesanal, mentres as administracións seguen sen dar unha resposta eficaz.

Un dos símbolos máis visibles desta mala xestión son as toalliñas húmidas, residuos plásticos que chegan ao mar a través do saneamento. Non son biodegradables, poden tardar séculos en desaparecer e fragmentan en microplásticos que xa están a entrar na cadea alimentaria humana.

Durante episodios de choiva intensa, as estacións depuradoras seguen a verter sólidos ao medio mariño. Pescadores da zona entre Prioriño Chico e Prioriño Grande denuncian que recollen nas redes auténticas marañas de toalliñas e lixo mesturado co peixe. Hai xornadas perdidas, aparellos inutilizados e perdas económicas directas.

Non se trata dun problema anecdótico, senón dun fallo estrutural do sistema de saneamento e dunha falta de control por parte das administracións. Cada desbordamento é unha agresión á ría, á biodiversidade e á saúde pública.

Os microplásticos procedentes destas toalliñas transportan substancias tóxicas que poden alterar o sistema hormonal dos organismos vivos e acumularse no corpo humano. A contaminación da ría xa non é só un problema ambiental, é tamén un grave problema de saúde pública.

Ecoloxistas en Acción esixe CERO vertidos sen tratar:

  • Auditorías reais das EDAR e Control público efectivo da Xunta de Galicia.
  • Redución drástica dos produtos plásticos de uso cotiá e responsabilidade das empresas produtoras de toalliñas.

La entrada Alertan que a Ría de Ferrol atéigase de vertidos de toalliñas húmidas aparece primero en Ecologistas en Acción.

Mobilización contra o Acordo de Libre Comercio UE-Mercosur

12 Enero 2026 at 09:00
Por: Galiza

O movemento Plantámonos apoia a convocatoria do Sindicato Labrego Galego contra o Acordo de Libre Comercio UE-Mercosur, o vindeiro luns 12 de xaneiro ás 12:00 horas fronte á Delegación do Goberno en A Coruña.

As organizacións Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, integrantes do movemento Plantámonos, manifestan publicamente o seu apoio á concentración contra o Acordo de Libre Comercio UE-Mercosur convocada polo Sindicato Labrego Galego, tamén integrante do movemento Plantámonos.

O movemento Plantámonos anima á cidadanía a participar nesta concentración do vindeiro luns 12 de xaneiro ás 12:00 horas fronte á Delegación do Goberno na Coruña, no contexto das mobilizacións convocadas en toda Europa pola ECVC (Coordenadora Europea Vía Campesina).

Para o movemento Plantámonos a integración da alimentación nos acordos de libre comercio supón o reforzamento da agroindustria en prexuízo das producións labregas —neste caso europeas e suramericanas—, aumentando a destrución social e ambiental asociada a este modelo de produción de alimentos concentrado en cada vez menos mans, orientado á especulación e á exportación, causante de despoboamento rural, ecoloxicamente insustentable e importante fonte de crise climática.

As sociedades europeas e suramericanas non precisan de máis agroindustria, máis alimentos quilométricos, máis monocultivos depredadores de solo fértil e auga doce, máis precariedade e empobrecemento labrego nen máis agrotóxicos, precisamos de alimentos sans, seguros, nutritivos e accesibles, producidos con dignidade o máis perto posible do lugar de consumo, coidando a terra e a paisaxe, mantendo o medio rural vivo, freando a crise climática. Isto supón transformar os nosos sistemas agroalimentarios cara á agroecoloxía e construír soberanía alimentaria, xusto todo o contrario do que sucede asinando tratados de libre comercio nos que os alimentos entran como moeda de cambio.

 


 

La entrada Mobilización contra o Acordo de Libre Comercio UE-Mercosur aparece primero en Ecologistas en Acción.

  • No hay más artículos
❌