🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
✇Ecologistas en Acción

Perante a voadura das torres de refrixeración das Pontes

Por: Galiza
  • O peche da central de carbón das Pontes foi a maior acción climática na historia de Galicia
  • A demolición das torres de refrixeración das Pontes simboliza unha mudanza de era na que cómpre que as emisións causantes do cambio climático acaden o cero neto en 2040
  • A central térmica de carbón das Pontes foi unha das meirandes fábricas de cambio climático de Europa, emitindo mentres operou uns 330 millóns de toneladas de CO2
  • O seu impacto climático negativo non rematou, senón que se vai prolongar durante as próximas décadas e mesmo séculos
  • A central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes debería pechar antes de 2030 para continuar coa redución das emisións

Con motivo da voadura hoxe das torres de refrixeración da central térmica de carbón das Pontes, a plataforma Galiza Sen Gas, anteriormente denominada Galiza Sen Carbón, salienta o enorme impacto positivo do peche desta central para a acción contra a crise climática e a transición enerxética no noso país.
A achega ao cambio climático da central de carbón das Pontes é comparábel á de moitos países. Nos seus case cincuenta anos de vida estímase que emitiu uns 330 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) causante de cambio climático (1). Esta cantidade equivale a 20 anos de emisións de gases de efecto invernadoiro de toda Galicia ao ritmo actual (2).

O fin da produción eléctrica con carbón, posibilitado polo desenvolvemento renovábel, é a causa principal do descenso do 42,2% nas emisións brutas de gases de efecto invernadoiro da nosa terra en 2024 con respecto a 1990. O sector enerxético foi o único no que se rexistrou un recorte das emisións forte e estrutural, mentres outros, como o transporte, aumentaron as súas emisións en relación a 1990.

Convén suliñar que a destacada contribución da central de carbón das Pontes á emerxencia climática non rematou en outubro de 2023, cando deixou de producir electricidade. Dada a longa permanencia do CO2 na atmosfera, o seu impacto climático negativo durará décadas e mesmo séculos. A que foi a maior central eléctrica española deixou un legado de crise climática que se continuará a manifestar, por exemplo, en forma de vagas de calor máis intensas ou lumes forestais máis devastadores.

A voadura das torres de refrixeración supón un paso importante no necesario proceso de desmantelamento da que foi unha das industrias máis contaminantes de Europa. Resta aínda por voar a cheminea, que podería conservarse como testemuña do pasado industrial. Nese caso, a plataforma Galiza Sen Gas pide que se utilice tamén para facer memoria da pesada herdanza de cambio climático que nos deixa a central de carbón das Pontes e, por extensión, toda a industria enerxética fósil.

O desmantelamento da central de carbón das Pontes non significa o fin da produción eléctrica fósil neste municipio da provincia da Coruña. A carón do espazo que ocupou a central de carbón érguese unha central de ciclo combinado a gas fósil, tamén propiedade de Endesa, operativa desde 2007. A pesar de ser menos contaminante que a central de carbón, actualmente a central de gas fósil das Pontes é o segundo maior foco emisor de CO2 causante de cambio climático en Galicia, só atrás da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña (3).

A plataforma Galiza Sen Gas demanda que, tanto a central de gas fósil das Pontes como a de Sabón, operada por Naturgy, pechen antes de 2030. Para iso é necesario aumentar a potencia renovábel e a capacidade de almacenamento, amais de emprender importantes medidas de eficiencia e suficiencia reducindo a demanda enerxética.

Notas

(1) Estímase que a central térmica de carbón das Pontes xerou un total duns 350 millóns de MWh. Considerando un factor de emisión de 0,95 toneladas de CO2/MWh, o usado actualmente por Rede eléctrica, a súa produción tería suposto un total acumulado de emisións á atmosfera de 332,5 millóns de toneladas de CO2.

(2) As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia (1990-2024). Observatorio Galego da Acción Climática, 2026. Informe baseado en datos oficiais. Dispoñíbel en https://ogacli.org/wp-content/uploads/2026/06/as-emisions-de-gei-en-galicia-2024.pdf.

(3) En 2025 emitiu 638.450 toneladas de gases de efecto invernadoiro. Máis información en https://ogacli.org/grandes-emisores/.

Galiza Sen Gas está integrada por Amigas da Terra, Amnistía Internacional Galicia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global. Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.

La entrada Perante a voadura das torres de refrixeración das Pontes aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Levan ao Parlamento Galego as recomendacións científicas silenciadas e non atendidas no Proxecto de Lei de Educación dixital

Por: Galiza
  • Adolescencia Libre de Móbiles, Escola Saudable de Ecoloxistas en Acción e a Asociación Educación Activa comezaron con Aitor Bouza Manso, voceiro en materia de educación do Grupo Parlamentario Socialista, unha roda de encontros informativos.
  • Voceiras destas asociacións mostraron ao representante do PsdG os mitos tecnolóxicos na proposición de lei, que, lonxe dos criterios científicos e das recomendacións das sociedades científicas, desprotexen a infancia e mocidade nos eidos da aprendizaxe, saúde e privacidade.
  • Aitor Bouza comunícalles o seu interese de coñecer de primeira man ditas alertas e recomendacións e de como atenderllas no proceso de tramitación da mencionada lei de educación dixital de Galicia.

Ana García (Asociación Educación Activa), Aitor Bouza (voceiro en materia de educación do Grupo Socialista) e Xulio Carmona (voceiro de Adolescencia Libre de Móbiles e Ecoloxistas en Acción)

O 15 de xullo no Parlamento Galego, Adolescencia Libre de Móbiles, o programa escuelasaludable.org de Ecoloxistas en Acción e a Asociación Educación Activa, presentaron ao deputado Aitor Bouza, as 30 consideracións ao proxecto de Lei de educación dixital de Galicia que identifican os mitos tecnolóxicos que sustentan dito proxecto de lei, e desprotexen as persoas menores por non atender ao coñecemento científico e as recomendacións de paneis/institucións expertas (Suecia, Canadá, Francia, España, …), nin as recomendacións das principais sociedades científicas a nivel estatal do eido da medicina e a psicoloxía:

Sobre os efectos negativos coñecidos na aprendizaxe: Se informes como os PISA, mostran claramente peor rendemento académico a maior uso de pantallas na aula, paneis de persoas/institucións expertas desvelan como a introdución precoz de pantallas nos menores diminúe a concentración, a memoria de traballo, a lecto-escritura, o desenvolvemento da linguaxe, a calidade das aprendizaxes -máis superficiais e acríticos-; así como compite (rouba oportunidades) coas interaccións humanas necesarias na maduración e a aprendizaxe profunda.

Sobre os efectos negativos coñecidos no uso precoz de pantallas na saúde e desenvolvemento: No neurodesenvolvemento: retraso na linguaxe e psicomotor, menor desenvolvemento cognitivo e coeficiente intelectual, dificultade na xestión emocional e no desenvolvemento da autorregulación, menor volume cerebral en áreas clave -temporal, parietal, frontal-, deterioro da memoria de traballo e aumento da impulsividade, hiperactivación do sistema límbico, dificultade no desenvolvemento do control de impulsos, deterioro da atención sostida.

Na saúde mental: Condutas adictivas, depresión, ansiedade, problemas de concentración, baixa autoestima, trastornos alimentarios, alteracións do sono, pensamentos / prácticas suicidas…) e física (obesidade, risco cardiometabólico, fatiga visual, miopía, peores habilidades motoras, alteracións musculoesqueléticas,…),

Informaron igualmente a Aitor Bouza de como o proxecto de Lei Dixital de Galicia, é incompatíbel coas recomendacións da Asociación Española de Pediatría (AEP), asumidas na actualidade por, ao menos, 17 sociedades científicas da medicina e da psicoloxía: establecer tempos máximos de pantallas (non usar pantallas até os 6 anos, non máis dunha hora ao día entre os 7 e os 12 anos, e dúas horas a partir dos 13 anos, incluíndo o horario escolar), postergar o primeiro smartphone e o acceso a redes sociais até os 16 anos, e educar no dixital (e preparar para un mundo dixital) sen introducir ao alumnado como usuario de dispositivos, redes nin plataformas.

As voceiras das organizacións de familias, profesionais sanitarios, docentes e ecoloxistas, subliñaron que a innovación no eido educativo (e na protección dos menores) atópase nunha desescalada dixital nas aulas, non na introdución disruptiva de pantallas nunha poboación infantoxuvenil, máis vulnerábel a súa fascinación adictóxena e o roubo da atención. Mostraron como metodoloxías sen pantallas favorecen, en maior medida, o desenvolvemento do pensamento computacional e da competencia dixital dende unha perspectiva crítica. Reivindicaron as escolas como refuxios libres da omnipresenza das pantallas, onde prime o analóxico e se potencien metodoloxías activas, investigativas e participativas.
Sobre a desprotección na privacidade

Informaron igualmente ao deputado do PsdG de como o proxecto de lei, segue a permitir no ensino uns servizos dixitais das grandes compañías tecnolóxicas, incompatíbeis coa a privacidade. O propio uso do paquete ofimático de Microsoft usado nas aulas, xa foi desautorizado recentemente pola Autoridade de Protección de Datos austríaca por rastrexar ilegalmente ao alumnado e non dar acceso total á información recompilada.
Alentaron ao voceiro do PsdG a defender a migración progresiva a software libre de sistemas operativos e ferramentas dixitais, e formas reais de control da privacidade en plataformas, comunicacións, etc.

Sobre a “sordeira” da Xunta ao actual coñecemento científico

Adolescencia Libre de Móbiles, “Escola Saudable” de Ecoloxistas en Acción e a Asociación Educación Activa informaron a Aitor Bouza sobre o cambio de paradigma e a desescalada dixital xa iniciada nos países nórdicos pioneiros na dixitalización (Suecia, Finlandia, Dinamarca e Noruega), seguidos, en diferente grao, por outros países europeos, ou en diferentes Estados de EE.UU (actualmente en 5 e 10 en proceso, co apoio de familias, sindicatos docentes e apoios transversais nos seus respectivos parlamentos).

En España, a comunidade catalá comezou este curso retirando pizarras dixitais dá etapa infantil (0-6 anos), comunidades como a cántabra (orde autonómica), a valenciana (proxecto de orde), a balear (currículos escolares), tamén propoñen a retirada nesta etapa. Comunidades autónomas como a madrileña ou a catalá reverten a introdución de dispositivos dixitais individuais (DDI) até a ESO ou até 6º de primaria, respectivamente. O tempo de uso de DDI xa foi reducido recentemente regulando segundo a etapa, de 1 a 2 horas/día na comunidade murciana, entre 2-4 horas en primaria e 2-4 horas/día en secundaria na comunidade aragonesa, e, no caso dos dispositivos dixitais compartidos (DDC), entre 1 ou 2 horas á semana na comunidade madrileña no eido do ensino primario.

 

Documento PDF: 30 consideracións ao proxecto de Lei de educación dixital de Galicia

La entrada Levan ao Parlamento Galego as recomendacións científicas silenciadas e non atendidas no Proxecto de Lei de Educación dixital aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

A plataforma “Por un monte galego con futuro” reclama un cambio radical na política forestal e de prevención dos incendios

Por: Galiza

Os 70 colectivos que integran esta plataforma presentan un manifesto actualizado en defensa dun monte vivo e con futuro ante o inicio da campaña de alto risco de incendios.

Os 70 colectivos que integran a Plataforma por un Monte Galego con Futuro presentaron un manifesto no que reclaman un cambio urxente e profundo nas políticas públicas de prevención e loita contra os incendios forestais. Coincidindo co inicio da campaña de alto risco e un ano despois da vaga de lumes de 2025, as entidades denuncian o fracaso do actual modelo, excesivamente centrado na extinción, e esixen unha aposta decidida pola prevención, a restauración das zonas queimadas, un monte multifuncional e un medio rural vivo.

Manifesto por un monte galego vivo e con futuro

Presentación do novo manifesto “Por un monte vivo e con futuro”

Perante o inicio da campaña, oficialmente chamada, de alto risco de incendios e un ano despois dunhas das piores vaga de incendios que se espallou por toda a Galiza no ano 2025, manifestamos a necesidade vital dun cambio urxente e radical das políticas públicas de protección do rural e defensa dun monte galego multifuncional, para que os incendios non se convertan nunha condena perpetua até que arda todo o noso país, o noso territorio, as nosas pertenzas, os nosos medios de vida e a nosa natureza.

O pasado ano Galiza sufriu a vaga de lumes máis catastrófica no que vai de século, e a segunda da historia en extensión da superficie queimada. Foron 209.281 as hectáreas ardidas segundo o sistema Copernicus da UE, principalmente na provincia de Ourense, e destas 37.819 hectáreas en Rede Natura 2000. Sobre estes territorios arrasados apenas se desenvolveron medidas de restauración. Segundo a Xunta, só se interveu sobre 200 hectáreas, o que supón o 0,16% do territorio oficialmente queimado (118.966 hectáreas), mais en marzo de 2026 só se tiñan tratado 110 hectáreas con medidas efectivas de restauración e rexeneración hidrolóxico-forestal. Como consecuencia, os montes queimados ficaron desprovistos de cobertoira vexetal, o que provocou que o solo perdera a súa estrutura e fora arrastrado polas chuvias provocando avenidas catastróficas, como as que aconteceron na comarca de Valdeorras. Pérdense así enormes cantidades de solo (entre 15 e 170 toneladas por hectárea cada ano). Tomando como referencia unha cifra estimada de 24 t/ha e ano, os lumes de 2025 puideron ocasionar a perda de 2,85 millóns de toneladas de solo, mobilizado episodicamente cara o fondo dos vales polas avenidas, o que dana traídas, propiedades e mesmo pon en risco a vida das persoas.

Causas múltiples e diversas están na orixe dos incendios que se producen cada ano no territorio da Galiza, e unha mudanza climática acelerada agrava as condicións favorable para incendios máis frecuentes e intensos. Todo o mundo parece estar de acordo en que o abandono do rural, as nefastas políticas agrarias e a aposta polo monocultivo de especies pirófitas de crecemento rápido están entre as causas que mais inflúen nas vagas incendiarias. Neste sentido a falsa moratoria para novas plantacións de eucaliptos decretada pola Xunta de Galiza desde o 1 de xaneiro de 2026 está levando a que continúe a súa expansión, á vista do desastre económico, social e ambiental que estamos padecendo, consideramos necesario reclamar unha moratoria indefinida.

Un ano máis, e xa van moitos, ante a incompetencia dos gobernos galegos do PP, estamos sendo testemuñas de como o lume se está propagar por numerosas aldeas e zonas próximas ás cidades, co agravante de que a extensión de territorio que se ve afectada é cada vez maior, se as condicións climáticas son desfavorábeis. Temos que denunciar, sen querer ser catastrofistas, que viviremos unha emerxencia civil permanente se as vagas de calor seguen chegando. Non podemos depender do factor meteorolóxico con condicións climáticas mais ou menos benignas, para que o lume arrase, ou non arrase, o noso monte. No que levamos de verán son xa 800 hectáreas queimadas ( Padrón, A Mezquita, Borbobás e A Capela) segundo unha cifras oficiais que a Xunta publica, pero maquilladas e despois de pasar unha férrea censura baixo aparencia de criterios informativos, facendo un control informativo propio dunha ditadura. Saber a verdade e coñecer o que está sucedendo é un dereito que o pobo galego temos, polo que demandamos aos Gobernos transparencia informativa e sen manipulación.

A planificación da campaña de alto risco de incendios é nefasta, neglixente e improvisada. O tempo perdido no inverno para realizar traballos de prevención, engádeselle o retraso nos labores de prevención e limpeza das faixas secundarias e a negativa da Xunta a profesionalizar e a ter un único servizo público de extinción dos lumes.

Neste ano no que andamos, a irresponsabilidade da Xunta da Galiza ficou patente co incumprimento de rozar e limpar as faixas secundarias das 276 parroquias, que figuran como “priorizadas” no PLADIGA, das que fican sen limpar 206 das 276 comprometidas. Despois da grande vaga de incendios do ano pasado o Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprometeu-se no Parlamento Galego a que o seu Goberno ia rozar e limpar as faixas secundarias dos concellos de menos de 10.000 habitantes, isto é 295 dos 313 concellos que temos na Galiza, e agora resulta que desde a Xunta acusan aos e ás propietarias de non limpalas. Maior irresponsabilidade non a pode haber.

No ano 2026 non se incorpora nengunha praza nova de persoal propio do SPIF, son os mesmos efectivos que no 2025. Os medios terrestres e aéreos non contemplan nengún reforzo estrutural do operativo, que segue directamente privatizado. As únicas novidades son unha maior dotación de persoal através da contratacións externas, vía SEAGA, de 42 brigadas, e de 190 brigadas municipais. Todo un sistema de extinción baseado na precariedade e inseguridade laboral.

En todo caso, estamos ante un modelo fracasado, dun Plano de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (PLADIGA) para o 2026 que sigue sendo unha ferramenta inútil. É unha actualización de PLADIGAS anteriores, que se aproba sen debate no Consello Forestal da Galiza, sen avaliar e tirar conclusións da vaga de lumes do ano pasado, coa agravante de que neste Consello non están representadas todas as organizacións e entidades relacionadas co monte e o medio rural.

Seguir centrando a política anti-incendios na extinción, que fagocita case o 75% (159 millóns de €) dos 213 millóns do PLADIGA 2026, relegando a prevención (53 M€) e a formación (0,9 M€) e esquecendo por completo a restauración (0 €), fai que as consecuencias dos lumes atinxan máis aló do período de alto risco, o que maximiza os impactos negativos e pon en perigo vidas e facendas. Dito isto, non fica ningunha dúbida de que a loita contra o lume, na súa faceta de extinción, débese facer desde a óptica dun servizo público, profesional e permanente, polo que se fai necesario crear un Servizo Público de Bombeiros e Bombeiras Forestais, con a dimensión necesaria para atender a realidade existente.

A verdadeira política de prevención non é como pensa a señora conselleira e moita parte da sociedade, ter os montes limpos, as pistas arranxadas e os puntos de auga prestos, senón en ter un medio rural vivo e con actividade económica produtiva, un monte multifuncional e sustentábel coa implicación da veciñanza comuneira e dos e das titulares particulares nesta posta en valor. Neste sentido para garantir esta multifuncionalidade fai-se preciso reclamar da Consellaría do Medio Rural que volva pór en vigor a liña de axuda para a valorización integral do monte, así como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), sen esquecer o Voluntariado en Defensa do Monte Galego, ferramentas que demostraron a súa eficacia no breve período no que estiveron vixentes.

A vida salvaxe que se perde tarda moitos anos en volver a reaparecer, porque a contorna tamén degradada, xa non consegue achegar sementes nin individuos para a recolonización natural. Cos lumes desaparecen animais ameazados, xoias naturais fráxiles e escasas como o bufo real, a aguia real, o lobo e o oso pardo… E con eles, centos de milleiros de pequenos animais abrasados polas lapas. Sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais convertidos en carbón en cuestión de segundos. E que pasará con ese solo queimado e requeimado, tan alterado que non poderá permitir o establecemento da vexetación que sustenta á fauna? A súa recuperación non é cuestión de décadas, senón de centos de anos.

As persoas labregas están especialmente afectadas pola destrución dos cultivos, a perda de forraxe almacenada e a imposibilidade de producir outra nova ou facer pastoreo nas terras arrasadas. Na apicultura perdeuse a zona de alimentación das abellas en km á redonda. E a recuperación destas zonas levará moito tempo.

Unha vez máis, temos que ser o pobo galego quen de forma auto-organizada nos preparamos para facer fronte a esta situación e para exixir ao goberno da Xunta medidas urxentes para frear esta situación e un cambio radical nas súas políticas ambientais, agro gandeiras e forestais.

E por isto esiximos:

  • A creación dun único servizo público, de xestión directa e dependente da Xunta, evitando a súa privatización, composto por profesionais, adecuadamente formado en prevención, extinción de incendios e outras emerxencias que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano.
  • Plan de actuación e restauración inmediata nas zonas queimadas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa recuperación, así como impedir o arrastre e a chegada de cinzas e sedimentos a ríos, rías ou zonas habitadas xerando un risco para os sistemas naturais e as poboacións, como as vividas no mes de xuño na comarca de Valdeorras.
  • A suspensión da tempada de caza e pesca non só nas áreas queimadas senón tamén nos tecores veciños por un período que permita a rexeneración das poboacións salvaxes afectadas polo lume.
  • O pulo decidido a políticas estruturais que preserven a biodiversidade natural, restauren os ecosistemas danados e recuperen os usos tradicionais e multifuncionais dos montes, como o pastoreo. A aposta por unha agricultura labrega, familiar e agroecolóxica, que garanta prezos xustos para o sector produtor. Medidas que contribúen a fixar poboación no rural e a afastar os lumes.
  • Apoiar tanto a propiedade particular, como especialmente as comunidades de montes en man común, no camiño cara unha xestión forestal e de monte protectora ante o risco de incendios. Fomentar as iniciativas que fortalezan a esas comunidades e permitan o aproveitamento multifuncional do territorio, evitando o abandono ou a extensión de monocultivos de especies como eucalipto ou piñeiros.
  • Denunciamos que a Xunta siga empregando o monte galego como obxecto de especulación, ou como solo barato para as grandes corporacións multinacionais enerxéticas, mineiras ou pasteiras, como ENCE ou ALTRI, que expulsan ás persoas do rural na procura do seu lucro privado.
  • Cómpre protexer o monte e o rural en todo momento pero, especialmente, ante a desgraza ambiental e social xerado polo lume, evitando que favoreza os intereses dos lobbys enerxético, mineiro, urbanístico, e forestal.
  • Reclamamos unha moratoria indefinida para a plantación de eucaliptos e doutras especies pirófilas, así como a súa eliminación paulatina e dando alternativas aos e ás titulares de montes de eucaliptos situados en terras agrarias, apoio económico ás persoas que conservan as masas forestais autóctonas e os servizos ecosistémicos asociados, figuras de protección medioambiental, masas mixtas, zonas paisaxísticas, con restos patrimoniais, etc.
  • Que por parte das administracións públicas se proporcione o apoio necesario, tanto material como técnico, así como garantir a simplificación administrativa e burocrática e a continuidade das explotacións agropecuarias afectadas e danadas polos incendios do verán do ano 2025 e dos que se dean este ano.
  • Outro modelo industrial da madeira e dos produtos derivados na Galiza é necesario. Un modelo que teña como obxectivo o peche dos ciclos produtivos, tanto para as madeiras de calidade como para os produtos do monte.

 

Por un monte galego con futuro. Lumes nunca máis

Plataforma “Por un monte galego con futuro”, colectivos que a integran: A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigas da Terra, Anduxía, Asociación Alexandre Bóveda, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Fonte Seca da Baña, Asociación de Gandeiras e Gandeiros galegos Elas Eles, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación “Somos Pandeireteiras”, Asociación Veciñal do Saviñao, Benvibre en Pé, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde (EGAV), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Galega de Ecoloxistas en Acción, Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Marcha Mundial das Mulleres (MMM), Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Gardiana do Bosque de Maceda, Plataforma Veciñal contra a Mina de Touro-O Pino, Plataforma Non á Balsa da Cornanda, Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Plataforma Ulloa Viva, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego (SLG), Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Unionlibre.org, Verdegaia e Véspera de Nada.

La entrada A plataforma “Por un monte galego con futuro” reclama un cambio radical na política forestal e de prevención dos incendios aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Ecoloxistas en Acción esixe que non se aprobe no Parlamento Europeo unha nova versión de Chat Control 1.0

Por: Galiza
  • A organización ecoloxista celebra que o Parlamento Europeo, na reunión tripartita con outros órganos da UE o 29 de xullo, mantivese as súas liñas vermellas sobre a instauración dun Chat Control 2.0 de escaneamento masivo obrigatorio de toda comunicación privada, incluída a mensaxería cifrada.
  • Con todo, alerta do intento do Consello de Ministros da UE e do Partido Popular Europeo, para aprobar esta semana por proceso de ?urxencia? unha nova versión de Chat Control 1.0, rexeitado en marzo por unha clara maioría de 311 votos fronte a 228.
  • A ineficacia de Chat Control 1.0 quedou demostrada para o control nas redes de delitos de abuso sexual que, a cambio, dá cobertura legal ás plataformas dixitais para o escaneamento masivo de comunicacións privadas, transgredindo a protección de datos da Directiva sobre Privacidade Electrónica.

Ecoloxistas en Acción celebra que, dende maio de 2026, as plataformas dixitais teñan que respectar a Directiva sobre Privacidade Electrónica, ao expirar o regulamento temporal denominado Chat control 1.0. Dende 2021, devandito regulamento europeo permitiu ás plataformas revisar as mensaxes privadas dos usuarios en busca de material de abuso sexual infantil.

Así mesmo, a organización ecoloxista considera positivo que o equipo de negociación do Parlamento Europeo non aceptase -no diálogo tripartito do 29 de xullo- a proposta do Consello da UE dun regulamento permanente, Chat Control 2.0, de escaneamento obrigatorio masivo da comunicación privada da cidadanía europea, mesmo para os mensaxeiros cifrados. Segundo a representación europarlamentaria, defenderon a súa liña vermella contra a vixilancia masiva xeneralizada e a favor de que a vixilancia estea baseada en ordes xudiciais.

Con todo, Ecoloxistas en Acción alerta de que esta semana o Consello de Ministros da UE e o Partido Popular Europeo van introducir un debate no Parlamento Europeo co que solicitan un mecanismo de “urxencia”, xusto antes do receso de verán. Devandito mecanismo de urxencia podería alterar a maioría de 311 votos fronte a 228, alcanzada en marzo deste ano, e eludiría aos organismos de control democrático, a necesidade dun novo ditame do Supervisor Europeo de Protección de Datos e unha avaliación de impacto das infraccións dos dereitos fundamentais.

A propia Comisión Europea xa admitiu -COM(2025)740- que non existe un vínculo probado entre o escaneo de mensaxes privadas e as condenas por abuso sexual de menores ou o rescate de nenas e nenos. De feito, Europol acaba de pechar 373.000 páxinas web con contido pedopornográfico sen escaneo masivo de chats. A pesar diso, as empresas seguen escaneando datos mesmo despois da expiración do Chat Control 1.0.

Por todo o anterior, Ecoloxistas en Acción apela a europarlamentarias e europarlamentarios do Estado español a manter un proceso garantista e esixir criterios de protección da privacidade nos debates e votacións que comezan mañá martes 7 de xullo.

La entrada Ecoloxistas en Acción esixe que non se aprobe no Parlamento Europeo unha nova versión de Chat Control 1.0 aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

A contaminación do aire descende en Galicia, pero o aire sucio segue afectando toda a poboación

Por: Galiza
  • O informe sobre a calidade do aire de Ecoloxistas en Acción conclúe que 860.000 galegos e galegas estiveron expostos durante 2025 a unha contaminación que excede os novos límites aprobados para 2030 pola Unión Europea.
  • As áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual do dióxido de nitróxeno que estará vixente en 2030.
  • Se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, o aire contaminado afectou de novo o ano pasado á totalidade da poboación galega.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 59 estacións oficiais de medición da calidade do aire instaladas en Galicia. Entre as súas principais conclusións, salientan:

  • Durante 2025 a calidade do aire en Galicia mellorou con respecto a 2024 e os anos anteriores á COVID-19, cunha redución dos niveis de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5) e dióxido de nitróxeno (NO2) e unha lixeira repunta do ozono, con porcentaxes de entre o 18 % e o 45 % de caída respecto das medias do período 2012-2019.
  • O informe toma como referencia os novos valores límite da Directiva 2024/2881, que deberán alcanzarse antes de 2030, de acordo cos cales o aire contaminado afectou en 2025 o 32 % da poboación galega, o que expresa a magnitude do reto a asumir polas administracións no próximos tres anos para aliñarse coa nova lexislación.
  • Considerando a normativa aínda vixente, non houbo poboación que respirase aire contaminado nin superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación, por encima dos obsoletos límites legais actuais. Aínda que os niveis de partículas PM10 e NO2 excederon os devanditos límites nas tres estacións da autoridade portuaria de Vigo.
  • Se se teñen en conta os valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), moito máis estritos que os límites legais vixentes e novos, e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea, o aire contaminado afectou de novo o ano pasado a totalidade da poboación galega. En cambio, polos baixos niveis de ozono o territorio galego estivo libre de contaminación prexudicial para a vexetación.
  • As partículas (PM10 e PM2,5) e o dióxido de nitróxeno (NO2) no aire seguiron afectando a práctica totalidade da poboación galega. As partículas presentaron a peor situación na cidade de Ourense. As áreas urbanas da Coruña e Vigo incumpriron o novo límite legal anual para 2030 do NO2. Debido ás características climáticas de Galicia (inestabilidade, altas precipitacións e baixa radiación), a formación de ozono é moderada.
  • A contaminación do aire é a primeira causa ambiental de morte. Segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, en 2023 faleceron prematuramente até 24.000 persoas no Estado español por enfermidades agravadas pola mala calidade do aire, 500 delas en Galicia.
  • Ecoloxistas en Acción realizou en 2023 e 2024 dúas campañas de medición de NO2 nos accesos a algúns dos centros escolares con máis tráfico motorizado das cidades da Coruña e Vigo, co resultado de que a poboación infantil está a miúdo exposta a niveis moi elevados de contaminación, por riba dos rexistrados nas estacións oficiais de control da calidade do aire. O que ademais cuestiona a súa correcta localización, polo que a organización ambiental pediu a súa revisión para as estacións de tráfico.
  • Vencido fai tres anos e medio o prazo para que todas as cidades de máis de 50.000 habitantes establezan zonas de baixas emisións, tanto para mellorar a calidade do aire como para reducir as emisións de dióxido de carbono (CO2) e así mitigar a crise climática, en Galicia tan só A Coruña e Pontevedra cumpriron formalmente esta obriga. Ademais, os concellos da Coruña e Vigo carecen de protocolos de actuación fronte a episodios de contaminación atmosférica como os que periodicamente as afectan.

 

 

La entrada A contaminación do aire descende en Galicia, pero o aire sucio segue afectando toda a poboación aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇pikara magazine

Sete Outeiros: a ribeira sacra do queer

Por: Bárbara G. Vilariño

Nunha aldea da Ribeira Sacra lucense atópase un refuxio en plena natureza para persoas LGTBI que desexen completar a súa particular peregrinaxe interior. Iniciamos o camiño do queer cara Sete Outeiros.

La entrada Sete Outeiros: a ribeira sacra do queer se publicó primero en Pikara Magazine.

  • No hay más artículos
❌