- O peche da central de carbón das Pontes foi a maior acción climática na historia de Galicia
- A demolición das torres de refrixeración das Pontes simboliza unha mudanza de era na que cómpre que as emisións causantes do cambio climático acaden o cero neto en 2040
- A central térmica de carbón das Pontes foi unha das meirandes fábricas de cambio climático de Europa, emitindo mentres operou uns 330 millóns de toneladas de CO2
- O seu impacto climático negativo non rematou, senón que se vai prolongar durante as próximas décadas e mesmo séculos
- A central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes debería pechar antes de 2030 para continuar coa redución das emisións
Con motivo da voadura hoxe das torres de refrixeración da central térmica de carbón das Pontes, a plataforma Galiza Sen Gas, anteriormente denominada Galiza Sen Carbón, salienta o enorme impacto positivo do peche desta central para a acción contra a crise climática e a transición enerxética no noso país.
A achega ao cambio climático da central de carbón das Pontes é comparábel á de moitos países. Nos seus case cincuenta anos de vida estímase que emitiu uns 330 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2) causante de cambio climático (1). Esta cantidade equivale a 20 anos de emisións de gases de efecto invernadoiro de toda Galicia ao ritmo actual (2).
O fin da produción eléctrica con carbón, posibilitado polo desenvolvemento renovábel, é a causa principal do descenso do 42,2% nas emisións brutas de gases de efecto invernadoiro da nosa terra en 2024 con respecto a 1990. O sector enerxético foi o único no que se rexistrou un recorte das emisións forte e estrutural, mentres outros, como o transporte, aumentaron as súas emisións en relación a 1990.
Convén suliñar que a destacada contribución da central de carbón das Pontes á emerxencia climática non rematou en outubro de 2023, cando deixou de producir electricidade. Dada a longa permanencia do CO2 na atmosfera, o seu impacto climático negativo durará décadas e mesmo séculos. A que foi a maior central eléctrica española deixou un legado de crise climática que se continuará a manifestar, por exemplo, en forma de vagas de calor máis intensas ou lumes forestais máis devastadores.
A voadura das torres de refrixeración supón un paso importante no necesario proceso de desmantelamento da que foi unha das industrias máis contaminantes de Europa. Resta aínda por voar a cheminea, que podería conservarse como testemuña do pasado industrial. Nese caso, a plataforma Galiza Sen Gas pide que se utilice tamén para facer memoria da pesada herdanza de cambio climático que nos deixa a central de carbón das Pontes e, por extensión, toda a industria enerxética fósil.
O desmantelamento da central de carbón das Pontes non significa o fin da produción eléctrica fósil neste municipio da provincia da Coruña. A carón do espazo que ocupou a central de carbón érguese unha central de ciclo combinado a gas fósil, tamén propiedade de Endesa, operativa desde 2007. A pesar de ser menos contaminante que a central de carbón, actualmente a central de gas fósil das Pontes é o segundo maior foco emisor de CO2 causante de cambio climático en Galicia, só atrás da refinaría de petróleo de Repsol na Coruña (3).
A plataforma Galiza Sen Gas demanda que, tanto a central de gas fósil das Pontes como a de Sabón, operada por Naturgy, pechen antes de 2030. Para iso é necesario aumentar a potencia renovábel e a capacidade de almacenamento, amais de emprender importantes medidas de eficiencia e suficiencia reducindo a demanda enerxética.
Notas
(1) Estímase que a central térmica de carbón das Pontes xerou un total duns 350 millóns de MWh. Considerando un factor de emisión de 0,95 toneladas de CO2/MWh, o usado actualmente por Rede eléctrica, a súa produción tería suposto un total acumulado de emisións á atmosfera de 332,5 millóns de toneladas de CO2.
(2) As emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia (1990-2024). Observatorio Galego da Acción Climática, 2026. Informe baseado en datos oficiais. Dispoñíbel en https://ogacli.org/wp-content/uploads/2026/06/as-emisions-de-gei-en-galicia-2024.pdf.
(3) En 2025 emitiu 638.450 toneladas de gases de efecto invernadoiro. Máis información en https://ogacli.org/grandes-emisores/.
Galiza Sen Gas está integrada por Amigas da Terra, Amnistía Internacional Galicia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global. Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.
La entrada Perante a voadura das torres de refrixeración das Pontes aparece primero en Ecologistas en Acción.







