🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
✇Ecologistas en Acción

Veciñanza e ecoloxistas presentan alegacións contra ampliación do polígono industrial de Balaídos en Vigo

Por: Galiza
  • A asociación veciñal A Unión de Matamá e Ecoloxistas en Acción veñen de presentar, na sede da Xunta en Vigo, arredor de 300 alegacións contra ampliación do PEOSE polígono industrial de Balaídos promovido por ZONA FRANCA.
  • A ampliación, como gran parte do polígono industrial existente, invade ás zonas residenciais de varias parroquias viguesas, en especial as de Matamá.
  • Segundo os rexistros oficiais, as instalacións deste polígono emiten máis de 2 toneladas anuais de compostos orgánicos volátiles altamente reactivos que desencadean procesos de contaminación fotoquímica, responsables da formación do nocivo ozono troposférico.
  • Denuncian que esta ampliación aumentará, sustancialmente, as emisións de partículas e compostos orgánicos volátiles, sen garantías de que os sistemas de mitigación sexan suficientes para a protección da saúde.

Este venres 27 de marzo, a asociación veciñal A Unión de Matamá e Ecoloxistas en Acción presentaron alegacións conxuntas ante a Dirección xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente no trámite de consultas do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEOSE ampliación do polígono industrial de Balaídos, promovido por ZONA FRANCA. Este polígono industrial, onde reside a factoría de Stellantis, e a súa proposta de ampliación, invaden as zonas residenciais de varias parroquias viguesas, afectando sobre todo á veciñanza de Matamá, tanto pola emisións de ruidos como de partículas nocivas ao aire.

Segundo a Lei 34/2007, de 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmósfera, se establece que a localización de instalacións industriais debe minimizar as afeccións. Sendo os límites de contaminantes máis estritos en zonas residenciais e de alto valor ecolóxico. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) sobre a actividade industrial na contorna da planta de Stellantis en Vigo, a instalación emite aproximadamente 2.050.000 kg anuais de compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), en gran parte causadas por procesos industriais baseados en disolventes, como os sistemas de lacado.

Por iso, nas alegacións alertan de que estas sustancias altamente reactivas, en presenza de óxidos de nitróxeno e luz solar, desencadean procesos de contaminación fotoquímica responsables da formación, entre outros, de ozono troposférico. Estes contaminantes secundarios son máis agresivos desde o punto de vista sanitario. O ozono troposférico, un dos principais produtos destas reaccións, está vinculado a afeccións respiratorias, agravamento da asma e aumento do risco cardiovascular. Ademais hai emisión de material particulado PM10 e PM2,5 e de NO2. Cando a Organización Mundial da Saúde advirte de que a exposición continuada a este tipo de contaminantes pode ter efectos significativos sobre a saúde, especialmente en nenos, persoas maiores e poboación con patoloxías previas e, en determinados casos, efectos canceríxeno.

Sinalan que a incidencia de enfermidades respiratorias e de cancro nos barrios próximos ao polígono é moito maior á das zonas máis afastadas. A poboación destes barrios (Roupeiro, Parada, Ribás e Padrón) sofre a afectación directa das emisións sen o control adecuado, mediante os filtros pertinentes. Polo iso, denuncian que esta ampliación da zona industrial aumentará, sustancialmente, as emisións de partículas e compostos orgánicos volátiles, sen garantías de que os sistemas de mitigación sexan suficientes para a protección da saúde.

Consideran que non se avaliou correctamente o impacto acumulativo das instalacións actuais, sumando a ampliación, o que empeorará a calidade do aire, xa afectada na zona. E aseguran que a ampliación contravén o Plan de Mellora de Calidade do Aire (PMCA). Desde a asociación veciñal de Matamá esixen que se pare a ampliación ata que se realice un estudo sobre o efecto da contaminación ambiental na poboación próxima á zona industrial, ligado a calidade do aire, a través da toma de datos de enfermidades relacionadas coa contaminación atmosférica.

Ademais da mala calidade do aire, poboación local leva soportando durante décadas, olores nauseabundos e ruidos que impiden o descanso nocturno. En este sentido, a ampliación do polígono incrementará tamén estas molestias, afectado á calidade de vida e o benestar da veciñanza.

Alegan, tamén, que a zona verde actual alberga especies incluídas no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e no Catálogo Español de Especies Ameazadas. “As obras constiúen un impacto negativo real, a destrución do seu hábitat é ilegal, por non falar do dano de fragmentar dito hábitat, illando as poboacións de fauna. Entre as especies ameazadas que alberga a contorna afectada, atopamos píntega, miñato, gavilán, curuxa, raposa…”, declara a voceira de Ecoloxistas en Acción.

Ademais, rexeitan todo a tramitación porque consideran que debería seguirse o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, xa que o proxecto se sitúa en área urbanizada e implica unha actuación en superficie superior a 5 hectáreas. Aseguran que non se está cumplindo a normativa de “Proxectos sometidos á avaliación ambiental simplificada” regulada no título II, capítulo II, sección 2.ª da Lei 21/2013, para acreditar que un proxecto non é susceptible de causar efectos adversos apreciables sobre estes espazos.

 

La entrada Veciñanza e ecoloxistas presentan alegacións contra ampliación do polígono industrial de Balaídos en Vigo aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Piden resituar as estacións de calidade do aire de Vigo e A Coruña en ‘puntos críticos’ destas cidades, de acordo coa nova Directiva europea

Por: Galiza
  • O informe Tráfico y calidad del aire urbano en el Estado español, publicado por Ecoloxistas en Acción, analiza a localización das estacións urbanas de medición da calidade do aire orientadas ao tráfico en 25 cidades españolas principais, entre elas as galegas da Coruña e Vigo.
  • Ecoloxistas en Acción denuncia que as estacións de Coia (Vigo) e Riazor (A Coruña) non están situadas conforme aos requisitos establecidos na nova Directiva europea sobre a calidade do aire.
  • A organización ecoloxista solicita que se revisen a localización destas estacións urbanas asegurando un emprazamento nun punto crítico de contaminación atmosférica.

A localización das estacións de medición da contaminación atmosférica é un dos aspectos máis controvertidos da xestión da calidade do aire. No Estado español recolocáronse moitas estacións “conflitivas” (habitualmente as de tráfico) en vías de tráfico secundarias. Esta práctica abusiva, tamén recorrente noutros estados europeos, motivou en 2019 unha sentenza do Tribunal de Xustiza da UE, e ao cabo a regulación máis estrita da nova Directiva 2024/2881 sobre a calidade do aire, actualmente en proceso de transposición á normativa española.

A nova normativa europea establece que a localización dos puntos de mostraxe destinados á protección da saúde humana deberá determinarse de maneira que proporcione datos fiables sobre os niveis de concentración nos puntos críticos de contaminación atmosférica dentro das zonas, preferiblemente en áreas sensibles como zonas residenciais, escolas, hospitais ou zonas de oficinas.

E cando o obxectivo sexa avaliar a achega do tráfico rodado, os puntos de mostraxe débense situar de tal maneira que proporcionen datos sobre as rúas onde se producen as concentracións máis elevadas, tendo en conta o volume de tráfico (que supoña a maior densidade de tráfico na zona), as condicións de dispersión local e o uso espacial do solo (por exemplo, en “desfiladeiros urbanos”).

Neste novo contexto normativo, o informe de Ecoloxistas en Acción ten por obxecto analizar un total de 25 estacións oficiais de medición da calidade do aire orientadas ao tráfico noutras tantas cidades españolas, incluídas A Coruña e Vigo. Para cada unha das estacións analizadas avalíase a súa localización espacial e o seu grao de adecuación aos requisitos de implantación establecidos na nova Directiva europea.

A análise desenvolvida no informe céntrase na adecuación espacial dos emprazamentos das estacións, atendendo a factores como o tipo de contorna (urbano, suburbano ou rural), a proximidade a fontes de emisión, as características do viario, o uso do chan circundante, a morfoloxía urbana, a presenza de obstáculos físicos e as condicións locais que poidan influír na dispersión dos contaminantes.

Como resultado do estudo realizado, obtívose que tres cuartas partes das estacións analizadas (19 de 25) presentan algún grao de limitación en relación cos criterios de implantación establecidos, entre elas a estación viguesa Coia, localizada na contorna da Avenida de Castelao, e a estación coruñesa Riazor, localizada na Rúa Gregorio Hernández.

No caso da estación Coia de Vigo detectouse que a distancia ao bordo da calzada é superior aos 10 metros permitidos, sendo de 25 metros, máis do dobre. Esta mesma deficiencia constatouse na estación de Riazor da Coruña, na que a distancia á calzada é de 16 metros. Ademais, a estación de Riazor localízase sobreelevada sobre a rúa, nun aparcadoiro.

Como conclusión final, o informe de Ecoloxistas en Acción pon de manifesto que só unha pequena parte das 25 estacións analizadas cumpre adecuadamente a súa función en termos de representatividade da exposición da poboación, existindo unha porcentaxe maioritaria de emprazamentos cuxa adecuación é limitada ou claramente insuficiente conforme aos requisitos establecidos na nova Directiva europea sobre a calidade do aire. É o caso das galegas de Coia e Riazor.

Por iso, a organización ambiental pide ao Goberno estatal que no proceso actual de transposición da Directiva ao dereito interno español, establézase un prazo temporal dun ano para que as autoridades competentes revisen a localización das estacións urbanas oficiais de medición da calidade do aire orientadas ao tráfico, asegurando o emprazamento en cada aglomeración de polo menos unha estación de medición nun punto crítico de contaminación atmosférica, minimizando así o risco de que as superacións de valores límite pasen desapercibidas. Os devanditos procesos de revisión da localización das estacións de medición deberían estar suxeitos a un proceso de participación cidadá.

 

Informes Tráfico y calidad del aire urbano

Estación de Riazor en A Coruña

Estación de Coia en Vigo

La entrada Piden resituar as estacións de calidade do aire de Vigo e A Coruña en ‘puntos críticos’ destas cidades, de acordo coa nova Directiva europea aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

O Parlamento galego admite a trámite a primeira proposición de lei a nivel mundial para protexer ecosistemas en restauración

Por: Galiza
  • Unha Iniciativa Lexislativa Popular propón crear a figura de Áreas de Restauración Ecolóxica para recuperar ecosistemas degradados
  • A proposta de lei rexistrada no Parlamento busca crear dunha ferramenta legal específica para restaurar a natureza e evitar a degradación dos espazos recuperados
  • A Comisión promotora está integrada por representantes de organizacións ambientalistas e comunidades de montes e precisará recoller 10.000 sinaturas

A Mesa do Parlamento galego admitiu hoxe a trámite unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para crear unha nova figura legal de protección ambiental: as Áreas de Restauración Ecolóxica. A proposta pretende establecer un marco xurídico específico para impulsar a recuperación de ecosistemas degradados e garantir que os espazos restaurados conten cun réxime de protección que evite a súa deterioración no futuro.
Trátase da primeira vez a nivel mundial que se propón unha nova categoría de espazo protexido orientada especificamente á recuperación funcional de ecosistemas degradados. Se a proposta é aprobada, cada unha destas áreas contará cun Plan de Restauración Ecolóxica vinculante, no que se definan os obxectivos ambientais, as actuacións necesarias, os indicadores de seguimento e o réxime de usos permitidos ou limitados.

A Comisión Promotora, que integra representantes de diversos colectivos ambientalistas e veciñais, sinala que unha parte significativa dos ecosistemas galegos —terrestres, fluviais, costeiros e mariños— sofre procesos de degradación provocados por factores como a transformación do territorio, os incendios recorrentes, o abandono de prácticas tradicionais, as alteracións hidromorfolóxicas ou os efectos do cambio climático. Neste contexto, consideran que a conservación dos espazos mellor preservados, sendo fundamental, non é suficiente para frear a perda de biodiversidade.
De feito, o novo Regulamento europeo de restauración da natureza establece o obxectivo de restaurar polo menos o 20 % das áreas terrestres e mariñas da Unión Europea antes de 2030, polo que os promotores consideran necesario contar cun instrumento legal propio que permita aplicar estas políticas de forma eficaz e adaptada á realidade territorial galega. A Comisión aspira a que a lei marque un fito no contexto da Década das Nacións Unidas para a Restauración dos Ecosistemas, que finaliza en 2030.

A proposta tamén aposta pola participación social na restauración da natureza. A iniciativa permitiría que a declaración destas áreas puidese partir non só da Administración autonómica, senón tamén das entidades locais, das persoas propietarias dos terreos, das comunidades de montes veciñais en man común, das entidades de custodia do territorio ou das confrarías de pescadores e pescadoras no ámbito mariño.
Ademais, o texto prevé mecanismos para facilitar a posta en marcha destes proxectos, como a prioridade no acceso a fondos públicos destinados á restauración ecolóxica, á conservación da biodiversidade ou á adaptación ao cambio climático, así como incentivos fiscais asociados á adquisición de terreos ou ás doazóns destinadas á restauración ambiental.
A proposta conta co respaldo de numerosas entidades ambientalistas e conservacionistas (Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación para a

Defensa Ecolóxica de Galiza, Asociación Senda Nova, Ecoloxistas en Acción, Fundación Montescola, Fundación Naiterra, Greenpeace e Verdegaia) así como de varias comunidades de montes veciñais en man común integradas na Rede de áreas conservadas por comunidades locais.
Logo da admisión a trámite por parte da Mesa do Parlamento, a proposta deberá ser validada pola Xunta Electoral antes de que comece o proceso de recollida das 10.000 sinaturas necesarias para que o pleno do Parlamento chegue a debater a proposta. A Comisión Promotora anima a toda a cidadanía a participar neste proceso para mostrar o apoio social transversal á restauración da natureza.

La entrada O Parlamento galego admite a trámite a primeira proposición de lei a nivel mundial para protexer ecosistemas en restauración aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Amigas das Árbores, Beiramar da Xente e As Ninguéns, ilustres galardoadas na primeira edición dos premios Antiviguesas Distinguidas

Por: Galiza
  • A primeira gala destes orixinais premios alternativos recoñeceu a colectivos que traballan pola xustiza social, o medio ambiente e un mellor modelo de cidade en Vigo.
  • A cerimonia tamén serviu para denunciar, por parte de moitas organizacións, a total falta de diálogo social e participación pública por parte do concello da maior cidade de Galicia.
  • A organización animou ao alcalde, Abel Caballero, a retomar o diálogo social e democrático con todos os colectivos da cidade, por moito que discrepen das súas políticas.

Nun ateigado Café Uf, discorreu hoxe a primeira gala dos premios Antiviguesas Distinguidas que dun xeito retranqueiro outorgou uns premios alternativos a organizacións sociais, veciñais e ecoloxistas que traballan por unha cidade socialmente xusta, ambientalmente sustentábel e urbanisticamente responsábel. Os premios, contrapóñense con humor aos Vigueses Distinguidos que outorga o Concello de Vigo, mais non pretenden descualificalos nin desacreditalos, senón visualizar outras voces que, cando discrepan, son acusadas en demasiadas ocasións como “antivigo” polo alcalde e non son tidas en conta pola administración municipal.

A gala, conducida polo xornalista Javier H. Rodríguez, premiou na categoría de “xustiza social” ao Foro Socioeducativo As Ninguéns, salientando a súa incansábel loita contra a pobreza e a exclusión social, facendo unha impagábel labor de visibilización das invisíbeis, de rexeitamento á súa estigmatización e poñendo sobre a mesa da cidade realidades tan incómodas coma cotiás, sen renunciar por iso á reivindicación da protesta como motor de avance social.

Na categoría de “outro modelo de cidade” resultou recoñecido o traballo de Beiramar da Xente, un conxunto de colectivos sociais e veciñais unidos pola defensa e preservación do patrimonio industrial da cidade de Vigo, tantas veces esquecido, esnaquizado ou reducido a un ofensivo “fachadismo”, ademais de destacar pola loita contra a especulación e a prol do dereito a unha vivenda digna e uns servizos sociais de calidade.

Na categoría de “medio ambiente”, a organización distinguida foi Amigas das Árbores, que dende 2024 vén destacando polo seu compromiso na construción dunha cidade que quere ser unha referencia fronte á emerxencia climática, defendendo con amor e criterio o valioso rol que teñen as árbores, os espazos verdes en xeral e a biodiversidade urbana fronte ao Vigo de humanizacións grises carentes de natureza e de vida.

“Consideramos que unha lexítima maioría absoluta non outorga a razón nin o poder absoluto. A democracia non comeza e remata o día das eleccións, senón que é un proceso de procesos que se debe exercitar de xeito cotiá polas vías da participación, a información e o diálogo. Os premios antiviguesas distinguidas son unha forma de utilizar a retranca como ferramenta de crítica a unha forma de gobernar que só entende a adhesión incondicional e rexeita calquera disenso, amais de ignorar calquera proposta alternativa”, afirmaron dende a organización. “Porén, máis aló da crítica, os premios son un sincero recoñecemento ao traballo de moitas organizacións e entidades que, cuestionando lexitimamente as liñas oficiais da política municipal, e consecuentemente non sendo do gusto do goberno local, quedan moi afastadas das homenaxes oficiais”, concluiron.

Segundo a organización os premios nacen con voación de continuidade. En cada edición serán organizacións ambientalistas, sociais, veciñais… quen escollerán, de maneira aberta, aqueles colectivos ou persoas que, polas súas propostas e actuacións, merecen un recoñecemento ao seu labor en defensa dunha outra cidade posíbel. Porque non existe un só modelo e no gran Vigo, existen moitos pequenos Vigos agardando saír.

Antiviguesas Distinguidas: Certamen impulsado por organizacións viguesas como Asociación Cultural Amigas das Árbores, As da Industria, Ecoloxistas en Acción, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, FAVEC, Greenpeace, Nós Mesmas, Salvemos A Barroca e Sindicato de Inquilinas de Vigo.

La entrada Amigas das Árbores, Beiramar da Xente e As Ninguéns, ilustres galardoadas na primeira edición dos premios Antiviguesas Distinguidas aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Esixen que o Estado español se sume ao Tratado sobre os Combustíbeis Fósiles

Por: Galiza

A dous meses da Primeira Conferencia Internacional para a Transición Máis Aló dos Combustíbeis Fósiles (Colombia), Galiza sen Gas demanda á Xunta e ao Parlamento galego que apoien a creación dun instrumento legal vinculante para o abandono rápido e xusto do petróleo, o gas fósil e o carbón.

A plataforma Galiza sen Gas, xunto con máis de 100 organizacións de todo o Estado español, asinou a declaración “Por unha transición xusta dos combustíbeis fósiles”. O uso de enerxía fósil é a maior causa da emerxencia climática. En Galicia orixinou o 72% das emisións de gases causantes de cambio climático durante 2023, ano máis recente con datos oficiais.

Perante o fracaso dos cumios climáticos da ONU á hora de impulsaren o fin dos combustíbeis fósiles, a declaración avoga por un proceso complementario de cooperación internacional que promova a creación dun instrumento legal vinculante para o abandono rápido e xusto do petróleo, o gas fósil e o carbón.

A promoción dun Tratado sobre Combustíbeis Fósiles será un dos puntos a tratar na Primeira Conferencia Internacional para a Transición Máis Alá dos Combustíbeis Fósiles, que terá lugar no porto carbonífero colombiano de Santa Marta, do 24 ao 29 de abril, co-organizada por Colombia e os Países Baixos. A declaración anima ao Goberno español, que estará representado na conferencia, a exercer un papel chave no impulso deste novo tratado internacional que se destinaría a promover a eliminación planificada da enerxía fósil.

Galiza sen Gas demanda á Xunta e ao Parlamento galego que apoien tamén un Tratado internacional sobre os Combustíbeis Fósiles. O peche a comezos desta década das centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes foi un avance decisivo para a desfosilización do sistema enerxético galego, posibilitado polo desenvolvemento renovábel pasado. Porén, Galicia aínda usa moito petróleo e gas fósil, tanto para o consumo interno como para a exportación, previo paso pola refinaría da Coruña e a regasificadora de Mugardos. En termos de enerxía primaria, petróleo e gas fósil supoñen, respectivamente, o 49,1% e o 23% do total dos recursos enerxéticos empregados no noso país, segundo o último Balance enerxético do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, correspondente a 2023.

A dependencia galega de petróleo e de gas fósil, ademais de contribuír á crise climática, á contaminación atmosférica e á destrución doutros territorios, xera inseguridade enerxética nun escenario xeopolítico cada vez máis hostil. Por iso, necesitamos unha sólida e participada planificación enerxético-climática para o abandono do gas fósil antes de 2035 e do petróleo antes de 2040 que, lastimosamente, non se quixo comezar a emprender na recentemente aprobada Lei do Clima de Galicia, que resultará por tanto moi pouco ineficaz. Os combustíbeis fósiles son un enorme atranco para afrontarmos a emerxencia climática e protexermos a nosa saúde, o noso benestar e o noso futuro.

 

* Galiza Sen Gas está integrada por Amigas da Terra, Amnistía Internacional Galicia, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Ecoar Global. Federación galega de Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) e Verdegaia.

La entrada Esixen que o Estado español se sume ao Tratado sobre os Combustíbeis Fósiles aparece primero en Ecologistas en Acción.

  • No hay más artículos
❌