🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
✇Ecologistas en Acción

O xulgado de Santiago incoa dilixencias por presunta prevaricación na autorización dunha mina na Gudiña

Por: Galiza
  • Ecoloxistas en Acción denunciou ao director xeral de planificación enerxética e minas e ao administrador da empresa sueca Eurobattery Minerals.
  • A denuncia por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente é consecuencia da prórroga ilegal concedida a unha mina de volframio na Gudiña (Ourense).
  • A concesión mineira caducou o ano pasado, carece de avaliación de impactos transfronteirizos e ameaza sobre o Parque Natural de Montesinho.

O Xulgado de Instrución N.º 1 de Santiago ven de incoar dilixencias penais para investigar os presuntos delitos de prevaricación no que tería incorrido Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria, ao conceder a finais do ano pasado unha prórroga ilegal de 30 anos para a concesión mineira “San Juan”, na Gudiña (Ourense).

O procedemento xudicial é o resultado dunha denuncia penal presentada por Ecoloxistas en Acción contra o alto cargo da Xunta e Roberto García Martínez, administrador de Eurobattery Minerals e a súa filial ourensá Tungsten San Juan S.L., por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente. Delitos, estes últimos, que serán investigados de xeito separado nos xulgados de Ourense.

A organización ecoloxista expuxo ante o xulgado que pesan sobre este proxecto mineiro dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo establecendo que calquera prórroga tiña que ser sometida a unha nova avaliación de impacto ambiental. O director xeral Pablo Fernández Vila, coa presunta participación de funcionarios da delegación territorial en Ourense, terían autorizado a prórroga sabendo da súa ilegalidade co obxetivo de prescindir da preceptiva avaliación de impacto ambiental.

Ademais, estando a mina proposta a tan só 2 km da fronteira portuguesa, o proxecto debía terse sometido obrigatoriamente a unha avaliación de impactos transfronteirizos, que non se realizou nin en 2014, coa tramitación inicial, nin neste momento. De feito, o pasado mes de decembro, o gabinete da Ministra do Ambiente e da Enerxía de Portugal, Maria da Graça Carvalho, recoñeceu que as autoridades españolas en ningún momento notificaron ás portugueses e deu instrucións á Agencia Portuguesa do Ambiente (APA) para que pedira explicacións formais a Madrid pola situación.

A mina está inmediatamente augas arriba da fronteira e do Parque Natural de Montesinho, dos que o separan tan só 2 km. O Parque de Montesinho é un espazo da Rede Natura 2000 integrado ademais na Reserva da Biosfera Transfronteiriza da Meseta Ibérica. Tamén está a tan só 1 km da ZEC Pena Maseira, tamén en Rede Natura, sendo obvio que a actividade afectará a ambos os dous espazos.

Paralización cautelar da explotación ilegal
Ecoloxistas en Acción recalamará a paralización cautelar dos traballos de explotación que iniciou a empresa sueca nos últimos meses, unha vez que a mina tería impactos severos sobre o río Rabaçal, ao que ten previsto verter augas con altas concentracións de metais pesados sen ningún tipo de tratamento.

O proxecto aprobado pola Xunta en 2015 e agora prorrogado prevía explotar unhas 50.000 toneladas de material en 5 cortas a ceo aberto durante 10 anos empregando 11 traballadores. Fronte a iso, Eurobattery Minerals ven desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa campaña de propaganda na que promete crear 130 empregos, o cal contradí o proxecto aprobado. Nunha festa organizada pola empresa sueca na Gudiña a comezos de decembro, as cifras de empregos anunciada era 12 veces maior que os contemplados na realidade.

A empresa nominalmente sueca, que iniciou nas últimas semanas grandes movementos de terra, xa se tivera que enfrontar a un procedemento sancionador en 2020 cando tentou abrir unha mina a ceo aberto de níquel entre Santa Comba e Coristanco, realizando sondeos sen ningún tipo de autorización. Agora, ven realizando enormes movementos de terra na mina da Gudiña, a pesar de ter caducado fai anos a declaración de impacto ambiental outorgada en 2014.

Ademais, o proxecto de 2015 indica que o mineral sería enviado á mina de San Finx, en Lousame, para o seu procesado, algo inviable logo de que o ano pasado se declarase a caducidade desas concesións mineiras e se revocara a autorización de vertidos da mina pola contaminación continuada con metais pesados dun río próximo.

Proxecto estratéxico europeo
Segundo Ecoloxistas en Acción, a actuación da Xunta respondeu á pretensión da empresa de presentar o proxecto da Gudiña á convocatoria da Comisión Europea de proxectos estratéxicos europeos que pecha finaliza o día 15 de xaneiro. O feito de que a concesión estivese caducada e sen unha declaración de impacto ambiental vixente, restaría posibilidades á empresa sueca, que xa pinchou en 2025 cando fracasou coa candidatura doutro proxecto mineiro en Finlandia.

A consideración como proxecto estratéxico suporía prazos acelerados para conseguir autorizacións e a pasar por riba da lexislación en materia de augas e espazos protexidos, algo que a Xunta xa puxo en práctica en 2025 co proxecto de mina de litio en Doade, tamén en Ourense. “Non permitiremos que unha mina totalmente ilegal utilice a artimaña dos proxectos estratéxicos europeos para operar á marxe das obrigas que establece a lexislación europea e convenios internacionais”, remarca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

La entrada O xulgado de Santiago incoa dilixencias por presunta prevaricación na autorización dunha mina na Gudiña aparece primero en Ecologistas en Acción.

  • No hay más artículos
❌