🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
✇Ecologistas en Acción

As loitas contra Altri, os megacruceros e en favor dunha Palestina libre dan fin á XXVII Asemblea de Ecoloxistas en Acción

Por: Galiza
  • Decenas de persoas déronse cita en Vigo, convocadas por Ecoloxistas en Acción e a colaboración de diferentes plataformas locais, para poñer en valor, de maneira reivindicativa e festiva, as loitas ecosociales máis activas ao longo de 2025.
  • A manifestación discorreu por zonas que mostran as diferentes loitas que este ano protagonizou o pobo galego.
  • Esta mobilización puxo punto final á XXVII Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción.

O punto de encontro foi na Praza de Vialia, na estación de tren Urzaiz. Con pancartas contra a turistificación e os seus efectos sobre o clima, Juan Medela, da Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo e do Sindicato de Inquilinas, explicou as consecuencias sociais e ambientais que sofre Vigo pola masificación turística nas festas do Nadal.

Primeira parada: o farol de Urzaiz, un punto emblemático das concentracións en solidariedade co pobo palestino en Vigo. Activistas da campaña Boicot, Desinversiones e Sancións (BDS) na cidade detallaron as accións realizadas desde que empezou, hai máis de dous anos, esta fase do xenocidio en Gaza para promover o boicot ao sionismo criminal.

A segunda parada tivo lugar na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo. Ana Freiría, activista de Ecoloxistas en Acción Galiza e integrante da coordinadora Altri Non, deu conta da gran mobilización do pobo galego contra o proxecto de macrocelulosa en Palas de Rei.

Despois despregouse unha pancarta da campaña Escolas Saudables. Julio Carmona, activista da área de Dixitalización de Ecoloxistas en Acción, explicou as razóns para traballar por unha educación libre de pantallas na que se respecte o desenvolvemento cognitivo dos adolescentes.


A derradeira parada foi na estatua do Nadador, á beira da Estación Marítima de Ría. Alí, Cecilia do Castillo, coordinadora da área de Medio Mariño de Ecoloxistas en Acción, e Ana Freiría alertaron dos riscos que sofren os mares pola pesca masiva e da contaminación dos cruceiros no punto de chegada destes a Vigo.


A continuación tivo lugar unha performance que simulou a chegada de bidóns radioactivos para denunciar a presenza de miles destes na Fosa Atlántica e a lectura dun manifesto que concluíu con este chamamento: «Os océanos regulan o clima, xeran osíxeno, aliméntannos e inspiran. A cegueira capitalista que converte cordóns dunares en chiringuitos, praias en piscinas, peces en fariñas e aceites de peixe para alimentar outros peixes, ecosistemas mariños en entulleiras municipais, algúns ata radioactivos, ten que acabar».

A actividade pesqueira industrial constitúe unha das maiores ameazas para a biodiversidade mariña, polo que Ecoloxistas en Acción detallou as esixencias de Ecoloxistas en Acción para enfrontar unha crise multidimensional sen precedentes. Con iso, púxose punto final á mobilización e á XXVII Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción.

Galería imaxes

 

Manifesto: Os océanos ante unha crise multidimensional sen precedentes

A actividade pesqueira industrial constitúe unha das maiores ameazas para a biodiversidade mariña. Mentres os políticos apelan discursivamente ao pescador artesanal que se levanta ás catro da madrugada e cúlpannos ás ecoloxistas do seu declive, seguen subvencionando grandes frotas industriais que faenan en augas afastadas, que a pesar de representar só o 2,5 % dos barcos, concentran máis da metade das capturas, e con iso os impactos das redes de arrastre sobre o fondo mariño e sobre grupos de especies singulares como quenllas, cetáceos, aves, tartarugas e moitas outras de invertebrados.

O caso do atún vermello exemplifica ben estas contradicións da política pesqueira. A pesar da súa recuperación nos últimos anos, o aumento de cota, en lugar de destinarse a favorecer a pescadoras e pescadores artesanais e aliviar a presión sobre outras pesqueiras para permitir a súa recuperación, segue controlado por unhas poucas familias. É o caso máis evidente de oligopolio pesqueiro no Estado español.

Por non falar das grandes corporacións comercializadoras e conserveiras de peixe con base en Galicia, como Nova Pescanova, Iberconsa, Profand ou Grupo Calvo que, con grandes frotas en países do Sur global (algúns sinalados por pesca ilegal), externalizan a súa produción, a súa pegada ecolóxica, vulneran dereitos humanos e laborais, e evaden impostos para despois importar os seus produtos de volta.

Esta explotación agrávase coa crise climática. Cada ano os océanos superan novos récords de temperatura. Este ano o novo récord apunta ao colapso global e irreversible dos arrecifes de coral, tras superar o limiar de 1,2 °C. Esta situación vese agravada pola proxección de ondas de calor mariñas máis intensas, frecuentes e duradeiras, cuxos impactos se superpoñen ao quecemento progresivo.

Por desgraza, esta terra coñece moi ben as consecuencias dun sistema capitalista e depredador que usa o mar como vía principal para o comercio de produtos, así como a pésima xestión de quen debese defendelo. Do Prestige e os seus “hilillos de plastilina”, aínda visibles 23 anos despois, aos millóns de pellets de plástico que hoxe hai dous anos tiñeron de branco xoias naturais como o Parque Nacional das Illas Atlánticas. E, por se isto non fose suficiente, este ano localizáronse 3.350 bidóns de residuos nucleares –das 200.000– verteduras entre 1949 e 1982 na Fosa Atlántica, a apenas 500 quilómetros destas costas.

O litoral tamén é vítima da privatización. Particulares e empresas ocupan un Dominio Público Marítimo-Terrestre, cada vez menos público, grazas á complicidade das administracións. En Galicia, casos como a illa de Toralla –que nega o acceso público– ou as concesións en Isla Pancha (Ribadeo) dentro da Rede Natura 2000, exemplifican ben esta dinámica.

Non nos cansamos de denunciar a turistificación, que nos asfixia e atopa un dos seus máximos expoñentes en Canarias, onde hoteis como o RIU Palace nas Dunas de Corralejo ou proxectos como Berce da alma en Tenerife ocupan e degradan o dominio público en espazos naturais protexidos. Un modelo que xera récords de beneficios turísticos mentres mantén a máis do 35% da súa poboación en risco de pobreza. Os cruceiros non pairan de crecer, Barcelona é a cidade máis contaminada por cruceiros de toda Europa, pero igual que ela, outras cidades portuarias como Vigo sofren os impactos da masificación, a contaminación atmosférica e a xeración de residuos que produce este sector.

Moitas compañías navieiras continúan utilizando combustibles tóxicos. Para cumprir cos límites legais utilizan limpadores de gases (scrubbers) para inxectar no medio mariño a contaminación que iría á atmosfera, xerando niveis de toxicidade na auga que ameazan a fauna e flora do mar. Ademais, as altas velocidades dos buques en corredores migratorios como o do Mediterráneo ou Canarias, ameazan cachalotes e rorcuales.

Os océanos regulan o clima, xeran osíxeno, aliméntannos e inspiran. A cegueira capitalista que converte cordóns dunares en chiringuitos, praias en piscinas, peces en fariñas e aceites de peixe para alimentar outros peixes, ecosistemas mariños en entulleiras municipais –algúns ata radioactivos– ten que acabar.

  • Por tanto, esiximos:A transición cara á pesca de baixo impacto e a aposta pola coxestión pesqueira como forma de gobernanza.
  • O establecemento de estándares rigorosos para importacións pesqueiras.
  • A repartición dos dereitos de pesca xusto, que permita pescar máis a quen reduce os seus impactos e enriquecen as comunidades locais.
  • Protección real: plans de xestión para todos os Espazos Mariños Protexidos e aposta por zonas de protección integral.
  • A regulación do transporte marítimo internacional garantindo o principio de quen contamina, paga.
  • A limitación e o decrecemento do número de cruceiros que atracan nos portos do Estado.
  • A aposta pola restauración de ecosistemas mariños e costeiros degradados e vulnerables.
  • A prohibición do uso de scrubbers (limpadores de gases) nos nosos mares.
  • A electrificación dos ferris que conectan a península e os territorios insulares.
  • A retirada e xestión segura dos bidóns de residuos nucleares da Fosa Atlántica.
  • O peche de todas as centrais nucleares.
  • A desturistificación dos nosos territorios costeiros.

La entrada As loitas contra Altri, os megacruceros e en favor dunha Palestina libre dan fin á XXVII Asemblea de Ecoloxistas en Acción aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Ecoloxistas en Acción denuncia altos cargos da Xunta por unha mina ilegal na Gudiña

Por: Galiza
  • Ecoloxistas en Acción iniciou accións xudiciais contra o director xeral de planificación enerxética e minas, a directora xeral de calidade ambiental e sostibilidade e o administrador da empresa sueca Eurobattery Minerals.
  • A denuncia por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente é consecuencia da prórroga ilegal concedida a unha mina de volframio en Ourense.
  • O Movimento Uivo en Portugal, coordinado con Ecoloxistas en Acción, tamén denunciou ás autoridades portuguesas a ausencia de avaliación de impactos transfronteirizos e a ameaza sobre o Parque Natural de Montesinho.

Ecoloxistas en Acción ven de presentar denuncia penal contra dous altos cargos da Xunta e o administrador da empresa sueca Eurobattery Minerals por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente logo de que a semana pasada se anunciase unha prórroga ilegal de 30 anos para a concesión mineira “San Juan”, na Gudiña (Ourense).

A denuncia céntrase nas actuacións de Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellería de Economía e Industria, María José Echevarría Moreno, directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e Roberto García Martínez administrador de Eurobattery Minerals e a súa filial ourensá Tungsten San Juan S.L.

A organización ecoloxista lembra que pesan sobre este proxecto mineiro dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e do Tribunal Supremo establecendo que calquera prórroga tiña que ser sometida a unha nova avaliación de impacto ambiental. Ademais, estando a mina proposta a tan só 2 km da fronteira portuguesa, o proxecto debía terse sometido obrigatoriamente a unha avaliación de impactos transfronteirizos.

Un proxecto nefasto

Tanto Ecoloxistas en Acción como o Movimento Uivo, que tamén ven denunciado este proxecto ante as autoridades lusas, advirten que a abertura da mina tería impactos severos sobre o río Rabaçal, ao que ten previsto verter augas con altas concentracións de metais pesados sen ningún tipo de tratamento. A mina está inmediatamente augas arriba da fronteira e do Parque Natural de Montesinho, espazo da Rede Natura 2000 integrado na Reserva da Biosfera Transfronteiriza da Meseta Ibérica que se vería directamente afectado. Tamén está a tan só 1 km da ZEC Pena Maseira, tamén en Rede Natura.

Por iso, alén das accións ante a xustiza galega, os colectivos pediron ás autoridades lusas e europeas que esixan a paralización das actividades da empresa sueca mentres non se realicen as preceptivas avaliacións de impacto ambiental e impactos transfronteirizos.

O proxecto aprobado pola Xunta en 2015 prevía explotar unhas 50.000 toneladas de material en 5 cortas a ceo aberto durante 10 anos empregando 11 traballadores. O mineral sería enviado á mina de San Finx, en Lousame, para a súa concentración alá. Non obstante, o proxecto non se chegou a executar e a Declaración de Impacto Ambiental caducou aos 4 anos.

A empresa nominalmente sueca, que iniciou nas últimas semanas grandes movementos de terra, xa ten antecedentes de malas prácticas en territorio galego. En 2020 tentou abrir unha mina a ceo aberto de níquel entre Santa Comba e Coristanco, sendo expedientada por realizar sondeos ilegais sen contar con ningún tipo de autorización. A pesar de que a concesión mineira na que actuaba foi declarada caducada, Eurobattery en ningún momento comunicou este feito aos seus accionistas.

Proxecto estratéxico europeo

Eurobattery pretende presentar o proxecto da Gudiña á convocatoria da Comisión Europea de proxectos estratéxicos europeos que pecha en xaneiro de 2026. Esta manobra podería significar prazos acelerados para conseguir autorizacións e pasar por riba da lexislación en materia de augas e espazos protexidos. No entanto, a empresa sueca xa pinchou este ano cando fracasou coa candidatura doutro proxecto mineiro en Finlandia.

Ecoloxitas en Acción e Uivo xa están a traballar con eurodeputados dos dous países para colocar estes antecedentes en coñecemento das autoridades portuguesas. “Non permitiremos que unha mina totalmente ilegal utilice a artimaña dos proxectos estratéxicos europeos para operar á marxe das obrigas que establece a lexislación europea e convenios internacionais”, remarca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Desde Portugal, Sara Riso do Movimento Uivo considera “incomprensíbel que as autoridades españolas nunca informaran ás portuguesas deste proxecto, a pesar de que afectará de xito obvio ás aldeas portuguesas situadas augas abaixo así como a varios espazos naturais de alto valor”. De feito, proxectos mineiros en trámite por parte de Portugal, como as minas do Barroso e do Romano, situadas a máis de 30 km da fronteira, sí foron sometidos ao trámite de impacto transfronteirizo logo de que as autoridades portuguesas notificaran as españolas.

 

La entrada Ecoloxistas en Acción denuncia altos cargos da Xunta por unha mina ilegal na Gudiña aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Ecoloxistas en Acción celebra a súa XXVII Asemblea Confederal en Vigo cunha semana de actividades abertas ao público

Por: Galiza
  • A 27ª Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción celébrase este ano en Vigo durante a ponte do 6 ao 8 de decembro. A asemblea, na que participan preto de 200 activistas ecoloxistas de todo o Estado español, está aparellada de diversas actividades abertas ao público.
  • A vixésimo sétima asemblea ecoloxista inaugurarase a mañá do sábado 6 de decembro cunha mesa redonda aberta ao público sobre a necesidade das transformacións ecosociales desde diferentes miradas.
  • O encontro finalizará cunha manifestación que recollerá e expresará as resistencias que o ecoloxismo social está a impulsar en Galicia.

A Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción celébrase por primeira vez en Galicia nas súas máis de 25 anos de existencia. Os grupos de Ecoloxistas en Acción Galiza traballaron para acoller en Vigo o encontro de preto de 200 activistas de todo o Estado. Será do 6 ao 8 de decembro no Centro Social A Nubeira (r/ Pizarro 6, Vigo), un espazo autónomo e asembleario aberto a multitude de loitas ecoloxistas e sociais da cidade. Un espazo idóneo para acoller un encontro que ten como lema e eixo temático “Ecoloxismo social para cambiar o mundo”. Ecoloxistas en Acción quere fortalecer a organización e as accións que impulsan as transformacións ecosociales nun contexto de emerxencia ecolóxica e social.

Este encontro vai aparellado dunha semana de actividades abertas ao público, dende o xoves 4 ao luns 8. Programa:

Xoves 4:

Yayo Herrereo presenta o seu novo libro ás 19h no centro social A Nubeira: Claudia Calvache Barbosa e Cristóbal López Pazo conversarán con Yayo Herrereo sobre o seu último libro Metamorfosis. Una revolución antropológica.

Venres 5:
Paca Blanco presenta o seu libro Paca Blanco, la Brava, acompañada de Yayo Herrero, prologuista desta biografía, e de Ana Freiría, activista de Ecoloxistas en Acción. Será ás 19:00 no centro social A Nubeira (Vigo): Paca Blanco é un referente dentro das loitas que se produciron durante as últimas décadas en defensa do medio ambiente e da dignidade das persoas que, como ela, non tiveron unha vida doada. Este libro é a historia desas persoas, que en colectivo constrúen alternativas a un mundo demasiadas veces gris e inhóspito.

Sábado 6:

Mesa redonda O ecoloxismo social como ferramenta de cambio no centro Social A Nubeira ás 11:30h: A 27º Asemblea Confederal de Ecoloxistas en Acción comeza cunha mesa redonda, aberta ao público, sobre como o ecoloxismo social debe operar para ser unha ferramenta de cambio. Presenta e modera Ana Pascual [Ecoloxistas en Acción] e participan Isabel Vilalba [Sindicato Labrego Galego], Gonzalo Pérez [CMVMC Tameiga], Marta Gontá [Por unha Ulloa Viva] e Joám Evans [Vida e ría ou minaría]. Tamén intervirán: Antón Masa [APDR], Patricia Sío [Antilindano O Porriño], Ángel Goberna [AVV. San Miguel de Oia], Alba Rivas [SOS Suído-Seixo] e Juan Medela [Contra a masificación turística Vigo – O Morrazo].

Domingo 7:

Estreo no centro social A Nubeira, ás 16:30h, do documentario “Dende que veu a mina”: Este documentario producido por Ecoloxistas en Acción e realizado por Aqueladas, rescata a memoria dos impactos da minaría en distintos lugares da Galiza: Lousame, Touro, Beariz e Vilardevós. A través dos testemuños de veciñas e veciños, entendemos o que significaba convivir día a día con este tipo de proxectos, como afectaron á contorna natural e á vida cotiá dos seus habitantes.
Concerto “Ataquenosboten” na sala Rebullón (Tameiga) ás 22:30h: Os grupos locais The Foggy Mental Breakdown e Hey Hematoma tocaran no concerto peche da asamblea confederal de Ecoloxistas en Acción.

Luns 8:

Roteiro “Vigo, expresión do activismo” con saída ás 11:30 da Praza da Estación: Percorrido polas rúas de Vigo onde a cotío as viguesas e vigueses expresan as súas loitas para rendir homenaxe ao activismo vigués. O roteiro rematará na Praza do Nadador, na estación marítima, coa lectura dun manifesto pola proteción ambiental do mar.

Ademais destas actividades, dentro do propio desenvolvemento ordinario da asemblea, o sábado pola tarde as áreas confederais de Ecoloxistas en Acción avaliarán o traballo realizado durante o ano e planificarán as campañas e liñas de acción para 2026. O domingo é o día adicado aos debates confederais, desde a aprobación do orzamento para o seguinte ano e a revisión dos principais fitos territoriais ata a presentación da estratexia de comunicación da organización ecoloxista. O punto central da mañá é a revisión dos estatutos para actualizalos e incorporar as cuestións organizativas que se consideran máis importantes. Pola tarde, tamén desenvolveranse talleres impulsados polas áreas e grupos de Ecoloxistas en Acción, e pecharase cunha chamada á acción antinuclear.

La entrada Ecoloxistas en Acción celebra a súa XXVII Asemblea Confederal en Vigo cunha semana de actividades abertas ao público aparece primero en Ecologistas en Acción.

✇Ecologistas en Acción

Esixen medidas urxentes e estruturais fronte aos lumes e a crise climática en Galiza

Por: Galiza

Ecoloxistas en Acción Galiza e Amnistía Internacional envían una carta aberta ao Presidente da Xunta esixindo medidas urxentes e estruturais fronte aos lumes e a crise climática en Galiza.

Carta aberta sobre medidas urxentes e estruturais fronte aos lumes e a crise climática en Galicia

Sr. Rueda:

Dirixímonos a Vde. en nome de Amnistía Internacional e Ecoloxistas en Acción Galiza co gallo da vaga de lumes sen precedentes que Galicia sufriu este verán. Ambas as dúas organizacións solidarizámonos coas persoas damnificadas pola vaga de incendios e lamentamos a perda de vidas humanas. Compartimos a consternación e o sufrimento causado, especialmente na veciñanza dos centos de localidades que viron que o avance das lapas puxo en serio risco vidas, montes, animais, cultivos, vivendas e infraestruturas.

A cuestión dos lumes é un tema complexo e que vén sendo estudado desde diferentes ámbitos, no que cómpre ver todo o problema no seu conxunto. Con todo, hai dúas cuestións fundamentais que a miúdo quedan no esquecemento: a redución das ignicións e a actuación temperá na extinción.

A Unión Europea superou este ano o millón de hectáreas arrasadas polo lume, a cifra máis alta dende que existen rexistros, coa Península Ibérica á cabeza. Segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea do programa Copernicus, en Galicia houbo máis de 171.000 hectáreas queimadas desde o inicio do verán (122.000 de incendios rexistrados desde o inicio de agosto). Todo isto, nun territorio que xa sofre de seu os impactos da crise climática, que non orixina os incendios, pero si os agrava e convérteos en episodios máis frecuentes, intensos e difíciles de controlar. Segundo a ONU, os incendios extremos aumentarán un 14 % para 2030, un 30 % para 2050 e un 50 % a final de século. Os Grandes Incendios Forestais -superiores a 500 hectáreas- son agora o epicentro do desastre. Extremar as precaucións para evitar que se orixine ese primeiro foco é fundamental.

Os incendios son provocados por causas naturais como raios ou erupcións volcánicas; por neglixencias ou accidentes, intencionados ou non; por reproducións (a partir dun incendio previo) e por causas descoñecidas. Os datos da Memoria da Fiscalía Xeral do Estado 2023 deixan claro que queda moito por facer. Nos últimos cinco anos o 68,79 % dos incendios declaráronse por accidentes e neglixencias. Un 23,98 % foi intencionado. A crise climática agrava de maneira directa a súa capacidade destrutiva, frecuencia, e intensidade. A recente opinión consultiva da Corte Internacional de Xustiza cualificou o cambio climático como “un problema existencial de proporcións planetarias que pon en perigo a todas as formas de vida e á saúde mesma do noso planeta”.

Os lumes non son só un problema ambiental e unha serie de situacións estruturais favorables á propagación do lume: son unha cuestión de dereitos humanos, cun forte impacto no dereito a un medio limpo, san e sostible, con consecuencias que ameazan o dereito á vida, a saúde, a vivenda e os medios de vida, entre outros.

Por isto, solicitamos á Xunta de Galicia que adopte, con carácter inmediato, as seguintes medidas de prevención, recuperación e formación da cidadanía, complementarias ao decálogo que promove desde 2022 a Plataforma por un monte galego con futuro:

Medidas de prevención

  • Establecer unha política de prevención de incendios forestais que prepare os montes no contexto do cambio climático cunha xestión forestal preventiva e campañas de extinción de incendios que non estean ligadas á época estival, evitando parches de última hora de inicios anticipados por primavera seca ou ampliacións por outonos calorosos.
  • Dignificación das condicións laborais e o fin da temporalidade e precariedade das persoas que se enfrontan en primeira liña ao lume, proporcionando estabilidade laboral no sector forestal, dotando de medios suficientes e condicións de traballo dignas aos equipos de extinción.
  • Mellorar a capacidade e os medios dos equipos de investigación dos incendios que permitan levar diante da xustiza ás persoas responsables.
  • Deseñar e levar a cabo campañas de sensibilización e de participación cidadá sobre comportamento cidadán fronte ao lume e alternativas ao uso cultural do lume.
  • Cumprimento da normativa, plans preventivos, de emerxencia local e de plans de  autoprotección das vivendas e urbanizacións, incluído o Real Decreto 716/25  aprobado a finais de agosto deste ano polo goberno de España que fixa as directrices e criterios comúns que deben incluírse nos plans autonómicos de prevención, vixilancia e extinción de incendios forestais.
  • Establecer un plan de ordenamento territorial (plans urbanísticos) no monte que teña en conta o risco de incendio forestal, con criterios de conservación para aumentar a resiliencia aos incendios.
  • Promover prácticas rurais sustentábeis que recuperen a paisaxe en mosaico tradicional, co fomento da gandería extensiva, pastoreo, cultivos, etc., procurando a fragmentación do territorio como medida de xestión forestal para a redución do combustíbel.
  • Promover unha política forestal que diversifique a produción de produtos do monte, que combine actividades e especies forestais que sexan quen de xerar paisaxes máis resilientes ao lume, mellore a biodiversidade e evite a  eucalipitización do territorio con medidas contundentes para limitar as plantacións forestais, especialmente de eucalipto, como especie exótica invasora que esgota os recursos hídricos do solo e é tremendamente inflamable.
  • Poñer todos os medios para apoiar ás comunidades de montes veciñais en man común na súa tarefa de ordeamento e limpeza dos montes ( xogan un papel primordial na prevención dos incendios ao ocupar o 33% da superficie forestal galega) incluida a aprobación a tempo das axudas da Xunta para a prevención de lumes, dado que moitas veces chegan tarde, e o establecemento de novo da liña de axudas “Valoración integral do monte e a aposta pola súa multifuncionalidade“ e das Unidades de xestión forestal (UXFOR).

Medidas de recuperación, reparación e formación

  • Aplicar medidas urxentes de control das cinzas e escorras para evitar procesos erosivos e de contaminación de cursos de auga.
  • Colocar os dereitos humanos no centro das políticas de prevención, resposta e reparación, garantindo a transparencia e o acceso á información fiable, oportuna, pertinente, accesible e precisa, sen discriminación.
  • Poñer en práctica plans de recuperación con axudas ás vítimas das zonas incendiadas para reparar os danos en infraestruturas cun enfoque participativo nos procesos de toma de decisión, planificación e seguimento dos esforzos de recuperación, incorporando plenamente as persoas e comunidades afectadas, e asegurando que son informadas de maneira continua e garantindo que os dereitos humanos están no centro da resposta á catástrofe dos lumes.
  • Revisar os sistemas de comunicación e de avisos e alerta en emerxencias dentro do Sistema de Protección Civil, tanto técnicos como decisorios, para incorporar as leccións aprendidas conforme ás normas internacionais máis actualizadas, garantindo a implantación efectiva de Plans de Protección Civil con persoal técnico especializado e de conformidade cos principios do Marco Sendai para a Redución do Risco de Desastres 2015-2030, que subliña a importancia da responsabilidade compartida na xestión de emerxencias.
  • Elaborar protocolos sobre o uso do sistema Es-Alert nos plans de emerxencias da Xunta para asegurar que os organismos competentes poden, deben e saben como facer uso desta ferramenta.
  • Desenvolver plans de sensibilización e formación á cidadanía sobre actuacións en emerxencias e toma de conciencia do risco aparellado a determinados niveis de alerta, a través de exercicios, simulacros e formación escolar temperá, incluída no currículo, sobre autoprotección, prevención e actuación en caso de emerxencia.

Agardamos que a Xunta de Galicia asuma o liderado que a situación demanda e impulse accións decididas que impidan que esta traxedia se repita. A tramitación dos orzamentos da Xunta para 2026 ofrecen unha oportunidade para traducir as medidas propostas en accións concretas reflectidas nas partidas orzamentarias pertinentes. Quedamos ao seu dispor para ampliar información e unha reunión na que tratar esta cuestión.

Á espera da súa resposta, saúdanlle atentamente,

Antonio Alonso, presidente de Amnistía Internacional Galicia.

Eloy Pérez González, presidente de Ecoloxistas en Acción Galiza.

La entrada Esixen medidas urxentes e estruturais fronte aos lumes e a crise climática en Galiza aparece primero en Ecologistas en Acción.

  • No hay más artículos
❌