🔒
Hay nuevos artículos disponibles. Pincha para refrescar la página.
AnteayerSalida Principal

Amigas das Árbores, Beiramar da Xente e As Ninguéns, ilustres galardoadas na primeira edición dos premios Antiviguesas Distinguidas

13 Marzo 2026 at 18:12
Por: Galiza
  • A primeira gala destes orixinais premios alternativos recoñeceu a colectivos que traballan pola xustiza social, o medio ambiente e un mellor modelo de cidade en Vigo.
  • A cerimonia tamén serviu para denunciar, por parte de moitas organizacións, a total falta de diálogo social e participación pública por parte do concello da maior cidade de Galicia.
  • A organización animou ao alcalde, Abel Caballero, a retomar o diálogo social e democrático con todos os colectivos da cidade, por moito que discrepen das súas políticas.

Nun ateigado Café Uf, discorreu hoxe a primeira gala dos premios Antiviguesas Distinguidas que dun xeito retranqueiro outorgou uns premios alternativos a organizacións sociais, veciñais e ecoloxistas que traballan por unha cidade socialmente xusta, ambientalmente sustentábel e urbanisticamente responsábel. Os premios, contrapóñense con humor aos Vigueses Distinguidos que outorga o Concello de Vigo, mais non pretenden descualificalos nin desacreditalos, senón visualizar outras voces que, cando discrepan, son acusadas en demasiadas ocasións como “antivigo” polo alcalde e non son tidas en conta pola administración municipal.

A gala, conducida polo xornalista Javier H. Rodríguez, premiou na categoría de “xustiza social” ao Foro Socioeducativo As Ninguéns, salientando a súa incansábel loita contra a pobreza e a exclusión social, facendo unha impagábel labor de visibilización das invisíbeis, de rexeitamento á súa estigmatización e poñendo sobre a mesa da cidade realidades tan incómodas coma cotiás, sen renunciar por iso á reivindicación da protesta como motor de avance social.

Na categoría de “outro modelo de cidade” resultou recoñecido o traballo de Beiramar da Xente, un conxunto de colectivos sociais e veciñais unidos pola defensa e preservación do patrimonio industrial da cidade de Vigo, tantas veces esquecido, esnaquizado ou reducido a un ofensivo “fachadismo”, ademais de destacar pola loita contra a especulación e a prol do dereito a unha vivenda digna e uns servizos sociais de calidade.

Na categoría de “medio ambiente”, a organización distinguida foi Amigas das Árbores, que dende 2024 vén destacando polo seu compromiso na construción dunha cidade que quere ser unha referencia fronte á emerxencia climática, defendendo con amor e criterio o valioso rol que teñen as árbores, os espazos verdes en xeral e a biodiversidade urbana fronte ao Vigo de humanizacións grises carentes de natureza e de vida.

“Consideramos que unha lexítima maioría absoluta non outorga a razón nin o poder absoluto. A democracia non comeza e remata o día das eleccións, senón que é un proceso de procesos que se debe exercitar de xeito cotiá polas vías da participación, a información e o diálogo. Os premios antiviguesas distinguidas son unha forma de utilizar a retranca como ferramenta de crítica a unha forma de gobernar que só entende a adhesión incondicional e rexeita calquera disenso, amais de ignorar calquera proposta alternativa”, afirmaron dende a organización. “Porén, máis aló da crítica, os premios son un sincero recoñecemento ao traballo de moitas organizacións e entidades que, cuestionando lexitimamente as liñas oficiais da política municipal, e consecuentemente non sendo do gusto do goberno local, quedan moi afastadas das homenaxes oficiais”, concluiron.

Segundo a organización os premios nacen con voación de continuidade. En cada edición serán organizacións ambientalistas, sociais, veciñais… quen escollerán, de maneira aberta, aqueles colectivos ou persoas que, polas súas propostas e actuacións, merecen un recoñecemento ao seu labor en defensa dunha outra cidade posíbel. Porque non existe un só modelo e no gran Vigo, existen moitos pequenos Vigos agardando saír.

Antiviguesas Distinguidas: Certamen impulsado por organizacións viguesas como Asociación Cultural Amigas das Árbores, As da Industria, Ecoloxistas en Acción, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, FAVEC, Greenpeace, Nós Mesmas, Salvemos A Barroca e Sindicato de Inquilinas de Vigo.

La entrada Amigas das Árbores, Beiramar da Xente e As Ninguéns, ilustres galardoadas na primeira edición dos premios Antiviguesas Distinguidas aparece primero en Ecologistas en Acción.

  • No hay más artículos
❌